Día de Castelao en Mondariz

Este sábado 28 coa conferencia "Castelao, construtor da nación"

Mondariz | O Concello de Mondariz, comprometido co galeguismo e coa memoria histórica, volve incluír este ano unha actividade na súa axenda cultural de xaneiro para conmemorar o aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950), intelectual galeguista de referencia.

Con motivo do Día de Castelao, está programada unha conferencia na biblioteca municipal de Mondariz a cargo de Miguel Anxo Seoane Seixas, presidente da Fundación Castelao e autor dunha recente biografía en tres volumes do que é considerado pai do nacionalismo galego.

A conferencia, que terá lugar o sábado 28 de xaneiro ás 19:30 horas, leva por título “Castelao, construtor da nación” e percorre a vida e obra do autor de Rianxo. A entrada é libre e gratuíta até completar a cabida.

Con esta actividade, o Concello de Mondariz dá continuidade á celebración do Día de Castelao na súa programación cultural anual, xa que o ano pasado xa se celebrara coa proxección do documental “Castelao e os irmáns da liberdade” e a presentación da tradución ao galego do libro “Castelao e os vascos”, coa presenza do cineasta Xan Leira e do tradutor Xurxo Martiz. Naquel momento, a conversa xirou arredor do exilio de Castelao na Arxentina e do legado que deixou.