Día das Letras Galegas en Ponteareas

Con actividades, concursos e premios durante todo o mes

Ponteareas | Ponteareas prepárase para un mes cargado de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas na vila. A programación arrancará esta mesma semana cunha actividade que dará protagonismo a arte efémera coa creación dunha alfombra floral na Praza Maior na que participarán varios centros educativos ponteareáns que se complementará coa lectura de poemas galegos.

Ese mesmo día, pola tarde, chega o programa Apego coa ‘Casa, casiña, casona’ de Marta Ortiz, unha iniciativa dirixida a cativada de 0 a 6 anos a partir das 18.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal para a que é imprescindible inscrición previa.

Na véspera do Día das Letras Galegas a biblioteca municipal volverá acoller unha actividade para nenos e nenas de 5 a 12 anos. Ao abeiro do programa Ler conta moito rapaces e rapazas poderán gozar coas ‘Conversas con Tana’, de Alejandro Gustavo Guanella. Será ás 18.30 h e haberá que facer inscrición previa en bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou no 986 660 765.

O 17 de maio as actividades centraranse no propio Día das Letras Galegas e na figura de Florencio Delgado, autor ao que a Real Academia Galega dedica este ano. Ademais do reparto de bolsas de pan conmemorativas entre a veciñanza nas panadarías do municipio, as redes sociais encheranse de poesía e literatura coa iniciativa ‘Florencio na túa voz’, unha acción participativa coa que a Concellaría de Lingua que dirixe Fernando Groba convida a toda a veciñanza a participar a través dun vídeo coa lectura dun poema ou con algunha frase sobre a súa figura para achegar a súa obra ao todo o público.

Ese mesmo día a gran protagonista será a Gala da Lingua que, con Florencio Delgado como fío vertebrador, porá música e poesía as nosas letras grazas á poeta Nuria Viel e á música Saya Mohamed, conducida pola actriz Isabel Risco. Será nesta mesma gala na que se entreguen os premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2021, así como os galardóns dos VII Xogos Florais. O acto terá lugar a partir das 19.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

O edil de Lingua anima a toda a veciñanza a participar en todas as iniciativas programadas “para darlle visibilidade á figura homenaxeada este ano co gallo do Día das Letras Galegas”.