Descenso “Ourense Provincia Termal” de piragüismo no río Miño

Con máis de 200 deportistas de Galicia, España e Uruguai

Ourense | Máis de douscentos deportistas chegados de toda Galicia, de diversos puntos de España e de Uruguai participaron o domingo, 15 de agosto, no I Descenso “Ourense Provincia Termal. Memorial Chelis” de piragüismo que se disputou ao longo dun percorrido de 17 quilómetros polo río Miño, entre a capital ourensá e o balneario de Laias pasando por cinco concellos.

O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación a unha competición que cualificou como “unha auténtica festa que sen dúbida merece a persoa cuxo nome leva esta proba e que puxo moitisima paixón neste deporte”, referíndose así a José Luís González Chelis, fundador da Escola Ourensana Municipal de Piragüismo e finado hai agora tres anos. Vinculado desde os anos 60 do pasado século ao clube Alcalá Galiano e colaborador cos clubs Fontefría de Muíños e Pena Redonda de Ourense, entre o seu palmarés figura unha medalla de prata na categoría K4-1000 nos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976.

Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente, puxo de relevo a importancia dunha regata “que ningunha cidade europea pode facer, xa que discorre pola ruta termal do Miño mostrando todo o potencial que temos na cidade neste ámbito en espazos como A Chavasqueira, O Tinteiro, o Muíño da Veiga e Outariz, ademais da área termal de Barbantes e o balneario de Laias, estes dous últimos no Concello de Cenlle”.

Pola súa parte, Manuel Pardo destacou “a importancia que teñen as actividades deportivas como reclamo turístico, máis aínda coincidindo coa celebración do Xacobeo”, mentres que José Luis Fernández Bermejo agradeceu o apoio da Deputación e subliñou o esforzo realizado para organizar unha proba “que nace con vocación de continuidade e coa intención de ser un referente no deporte ourensán e galego, e co sono de que tamén o sexa a nivel internacional”.

Participaron deportistas de primeiro nivel como Iván Alonso, cinco veces campión do mundo; os vixentes campións do Descenso do Sella, Miguel Fernández Castañón e José Julián Becerro; e o vencedor en varias ocasións do Descenso do Sil, Fernando García Viso.
Cun percorrido de 17 quilómetros, o descenso en piragua pasou polos concellos de Ourense, Barbadás, Toén, Punxín, Cenlle e Castrelo de Miño e rematou no balneario de Laias, permitindo ao público o seguimento da proba desde a senda peonil que chega ata Ramirás, pasando por Untes, Outariz e Reza.

O evento contou con máis de 200 deportistas de Galicia, España e Uruguai.

A regata, que comezou ás 11.30 horas, tivo tres puntos de saída segundo as categorías. Desde a praia da Antena, entre a ponte nova e romana, partiron os palistas senior K1 e K2. Na Chavasqueira comezou a competición en máster e xuvenil K1 e K2, ademais de máster, senior e xuvenil C1 e C2.

Xa en Alongos, no Concello de Toén, foi a saída para cadetes en K1, K2, C1 e C2, así como tamén para o paleo a pe (padel surf) nas categorías máster, senior, xuvenil e cadete.

Neste mesmo fixose un “porteo” ou travesía a pe coa piragua, no que os deportistas percorreron por terra unha distancia de 400 metros ata regresar de novo ás augas do río.