Derradeiros días para a matrícula 2021-2022 na escola infantil de Vilar de Santos

O prazo de inscricións remata o 17 de abril

Vilar de Santos | A Escola Infantil de Vilar de Santos é un servizo público, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello, que pon á disposición das familias 20 prazas para crianzas ata os 3 anos de idade. O custe da inscrición varía dependendo da xornada escollida (media ou completa), sendo gratuíto para o segundo fillo e sucesivos.

O centro conta con persoal especializado que atende ás demandas dos máis pequenos de oito da mañá a catro da tarde. Un amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar pero tamén para acompañar aos menores no seu desenvolvemento.

A escola foi recentemente reformada polo Concello de Vilar de Santos, contando cunha aula de infantil, zona de xogo, zona de gateo, unha zona de berces e un grande patio exterior de 250 metros cadrados delimitados no seu perímetro. Un lugar ideal para aprender xogando con todos os coidados necesarios.

As persoas interesadas en reservar unha praza para o próximo curso escolar teñen de prazo ata o 17 de abril para formalizar as súas solicitudes segundo o modelo normalizado que poden atopar na web do Concello ou nas propias instalacións municipais. Para máis información poden poñerse en contacto vía telefónica no 988 44 71 09.