Deputación de Pontevedra retirará a simboloxía franquista

En tódolos Concellos da provincia

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a segunda edición da liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. A contía global das achegas, que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, é de 100.000 euros.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega manifestou a súa confianza en que as subvencións concedidas en 2021 aos concellos de Baiona, A Guarda, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Vilagarcía e Salceda de Caselas teñan aberto camiño e sirvan de exemplo para que outros municipios cumpran coa lexislación vixente.

A nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática na provinciaxa que “suprimir elementos de división entre a cidadanía –Lei 52/2007-“ é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir. “Entendemos que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas, pero esta liña de subvencións facilita o cumprimento da normativa de Memoria vixente”.

As achegas da Deputación poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil (50.000,00) euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Actuacións en 2021
A meirande parte das actuacións subvencionadas pola Deputación en 2021 tiveron relación coa retirada de simboloxía de elementos da Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.

Tamén se presentaron proxectos para retirar moitos elementos das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza. Os concellos teñen de prazo para realizar as obras ata o vindeiro mes de xuño e ata setembro para xustificar as actuacións.

Ponte Caldelas recibiu axuda para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira na zona de Silvoso; Vilagarcía para retirar a cruz da fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga; Baiona para eliminar simboloxía de tres fontes de titularidade municipal: Alférez Barreiro, a de Subida da Roca e a de San Antón; A Guarda para eliminar a simboloxía franquista da Praza de Abastos e da fonte –lavadoiro da Silveira; Salceda para retirar os escudos falanxistas de xugo e frechas da Fonte de Mil e da Fonte de Liñares; As Neves para a eliminación de simboloxía do réxime franquista da fonte de San Ignacio e o portalón de acceso ao centro de saúde; e finalmente Pazos de Borbén, para retirar o símbolo da Falanxe dun lugar especialmente simbólico: o balcón da fachada principal da antiga Casa do Concello.