Deputación de Pontevedra reafírmase como referente da Axenda 2030 e da Mobilidade Sostible

Participará nos Congresos estatais de Barcelona e Badaxoz

Pontevedra | Barcelona e Badaxoz serán esta semana os novos escenarios nos que a Deputación de Pontevedra revalidará a súa referencia medioambiental e de mobilidade segura e sostible a nivel do Estado. Desde este luns na capital catalana, a institución provincial amosará as súas boas prácticas no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nunha nova cita da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030.

Despois, desde o mércores 16 ao venres 18, a Deputación terá tamén protagonismo especial no 26 Congreso Vyodeal (Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local) que terá lugar en Badaxoz, no que amosará a transformación da provincia ao abeiro do seu modelo provincial en infraestruturas.

Na III Asemblea da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en Barcelona, a Deputación de Pontevedra participará na Xornada sobre Liderado municipal coa Axenda 2030, sendo a única administración galega presente nesta cita destinada a reflexionar sobre os retos das administracións de cara ao horizonte 2030.

Nela, representantes políticos e técnicos adheridos á Rede compartirán con persoas expertas e profesionais os avances e retos identificados desde o ámbito local para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). De feito, a deputada de Transición Ecolóxica e Proxectos Europeos, Iria Lamas, participará na mesa “Diálogo centrado nos retos globais que nos quedan por diante para avanzar no cumprimento da Axenda 2030”, moderada pola alcaldesa de Canyelles (Barcelona), Rosa Huguet, e na que interveñen a presidenta da Rede Española de Desenvolvemento Sostible (REDS), Leire Pajín; a vicepresidenta e deputada da Axenda 2030 da Deputación de Barcelona e alcaldesa de Santa Coloma de Gramanet, Núria Parlón, e do alcalde de Táliga (Badaxoz), David Fernández. Lamas reflexionará sobre os retos e desafíos que presenta esta folla de ruta para o 2030, na que a Deputación de Pontevedra é referente desde nos últimos anos con todas as súas políticas aliñadas cos ODS.

Ademais, este luns en Barcelona celébrase unha nova sesión do Consello de Goberno da Rede para a Axenda 2030, na que a Deputación ostenta unha vogalía e na que se tratarán temas relacionados coa implantación da folla de ruta da Organización das Nacións Unidas (ONU). Finalmente o mércores terá lugar a Asemblea Anual da Rede de Entidades Locais na que se aprobará o plan de traballo para os vindeiros meses.

Congreso Vyodeal en Badaxoz
Por outra banda, o modelo de mobilidade sostible, seguro e centrado nas persoas da Deputación de Pontevedra volverá ser un referente destacado no Vyodeal que se celebra desde o mércores en Badaxoz, un ano despois de que a institución provincial fose anfitrioa deste congreso nacional sobre estradas locais. A Deputación de Pontevedra é unha das seis deputacións españolas que estará presente no 50 aniversario deste Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que organiza a Asociación Española de la Carretera (AEC).

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, participará xunto aos e ás maiores especialistas do Estado para falar do avance que ten suposto o modelo provincial e as actuacións levadas a cabo neste eido. A Deputación amosará as imaxes do antes e despois das grandes actuacións en materia de mobilidade que están a transformar a provincia, derivadas do Decálogo de Actuacións nas vías provinciais, a Ordenanza de Seguridade Viaria da Deputación, a Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable e dos Principios Ágora de recuperación do Espazo Público.

En Badaxoz, Agís participará na mesa inaugural sobre as “Prioridades para a xestión da mobilidade no contexto local”, moderada por Juan Francisco Lazcano e na que tamén estarán Pere Pons i Vendrell, presidente da Área de Infraestruturas e Espazos Naturais da Deputación de Barcelona e Francisco Farrona, deputado da Área de Fomento da Deputación de Badaxoz. Amais, o venres día da clausura, o deputado de Infraestruturas presentará o Plan Estratéxico 2030 de Vías Provinciais.