Deputación de Pontevedra presentou programación para o 25N baixo o lema #PorSerMulleres

Pedirá situar a axenda feminista no centro do debate político
Despregouse na balconada do Pazo da Deputación a pancarta “Por ser mulleres. Reivindicando a nosa axenda”.

Pontevedra | “Farta” e emocionada ao recordar ás mulleres salvaxemente violadas como a moza de Igualada ou a de Navarra, lembrando ás mulleres asasinadas polo machismo como Mª Isabel, Flora, MªCruz e a súa filla ou Mª Pilar, e acompañada de alcaldesas, concelleiras e mulleres implicadas na igualdade que promove a Deputación, a presidenta Carmela Silva deu a coñecer hoxe nas Ruínas de San Domingos a ampla programación que lanza a institución con motivo do 25N e que este ano leva por lema “Por ser mulleres”.

“Estamos aquí , unidas, –reivindicou a presidenta-, de pé, no centro, denunciando, para que saiban os fascistas, os que negan o sufrimento das violencias das mulleres, que somos fortes, estamos convencidas, sabemos polo que loitamos e ninguén nos vai parar”.

Carmela Silva, quen a primeira hora da mañá despregaba na balconada do Pazo, xunto ao goberno provincial, a pancarta “Por ser mulleres. Reivindicando a nosa axenda” que locen xa as sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, recordou que “somos herdeiras doutras moitas mulleres que crearon o camiño que agora percorremos e estamos dispostas á loita porque estamos fartas de que isto aconteza por ser mulleres”.

Neste eido, a presidenta reivindicou con forza e urxencia “unha axenda feminista do Estado, das Comunidades Autónomas, que estea xa no centro da axenda política. Non podemos nin debemos agardar máis”.

O xoves día 25 terán lugar as dúas primeiras accións en Pontevedra e en Vigo da sétima edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”.

Carmela Silva tamén subliñou “o compromiso total e absoluto da Deputación coa igualdade, o centro de toda a nosa acción” e destacou que aínda que ao longo dos 365 días do ano está en marcha un amplo programa de iniciativas neste ámbito, “aproveitamos o 25N para que o noso berro soe aínda máis alto”.

A programación
O xoves día 25 terán lugar as dúas primeiras accións en Pontevedra e en Vigo da sétima edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, que levará neste 2021/2022 o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”.

O programa, que vén de dar esta mañá o pistoletazo de saída coa actuación musical de Xoana “Dardos en feminino”, arrancará o xoves na praza da Peregrina ás 12.00 da mañá coa performance “Asta en cueva” de Alba Soto. Xa pola tarde, ás 18.30, a peza “VER/Cada/Bágoa” de Mercé de Rande chegará ao Museo Marco de Vigo.

Serán en total 25 accións (6 performances, 5 accións musicais, 5 escénicas, 4 murais, 3 de danza urbana e 2 accións poéticas) en 25 concellos con artistas “moi potentes” cuxas voces puidéronse escoitar esta mañá nas Ruínas de San Domingos a través da montaxe sonora “Voz colectiva”.

Amais do inicio da VII edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, a programación da Deputación do 25N arrancou xa a comezos de mes co “Manifesto de Soutomaior”, ao que seguiu o workshop da Cátedra de Feminismos 4.0 “Hackeando o patriarcado”, que tivo lugar onte para reivindicar a intelixencia artificial feminina fronte aos algoritmos machistas.

Tamén forman parte da programación iniciativas como o alumeado en morado das sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 28 de novembro, e a lectura, a cargo de Silvia Pérez, investigadora da Universidade de Vigo, da declaración institucional no pleno do día 26. Ese mesmo día e ata o 29 de novembro na feira Culturgal a Deputación dará a coñecer toda a programación no eido da igualdade.

O 29 de novembro inaugurarase na sede de Vigo a mostra “Espazos Roubados”, de Isabel Blanco, o día 30 comezará o módulo en igualdade na Escola de Enfermería e a comezos de decembro presentarase a nova campaña do xoguete igualitario, non sexista e non violento. Por outra banda, ata o 9 de decembro continuarán os debates teóricos online sobre a axenda política feminista coordinados por Rosa Cobo, e ata o día 15 os obradoiros de formación nos institutos, “Canteira de Igualdade”.

Amais, os días 11 e 18 de decembro terá lugar no Museo MARCO de Vigo o novo ciclo “Cinema mulleres”, en colaboración co Consulado Xeral de Arxentina, e na sede provincial viguesa poderá visitarse ata o 31 de decembro a mostra “Muller por muller”, comisariada por Rosario Sarmiento.