Deputación de Pontevedra “leva” a Emilia Pardo Bazán ao seu “Pazo do Recordo” en Lalín

A través dunha peza teatral para conmemorar o centenario do seu pasamento

Pontevedra | Unha peza teatral, programada pola Deputación con motivo dos actos cos que está a conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, trouxo de volta á escritora coruñesa ao seu “Pazo do Recordo”, o Pazo lalinense de Liñares. A visita teatralizada celebrouse con aforo reducido, por mor da pandemia, e coa presencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Xosé Crespo.

Silva presentou esta peza, a medio camiño entre o teatro e a promoción turística, definindo a Pardo Bazán como “unha muller feminista, rebelde e poderosa, co talento necesario para tocar tódalas actividades do ser humano nun tempo no que todo era moi difícil”.

A representación comezou ao mediodía, tras a benvida de Carmela Silva, e tivo unha hora de duración. Entre o público estaban tamén a deputada de Cultura, Victoria Alonso, e a concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Estivo a cargo da compañía Fantoches Baj, responsable tamén do guión, coa actriz Larraitz Urruzola no papel de Pardo Bazán e de Inacio Variño interpretando a Amalio Taboada, fillo da familia propietaria do Pazo e íntimo amigo da escritora coruñesa.

“Carmela Silva enxalzou o importante papel que o Pazo de Liñares tivo para configurar a obra de Emilia Pardo Bazán, pois neste lugar naceron moitas páxinas da súa obra máis coñecida: ‘Los Pazos de Ulloa”

Carmela Silva enxalzou o importante papel que o Pazo de Liñares tivo para configurar a obra de Emilia Pardo Bazán, pois neste lugar naceron moitas páxinas da súa obra máis coñecida: “Los Pazos de Ulloa”. Liñares era, daquela, un auténtico foco de cultura ao redor da polígrafa coruñesa. “Era obrigado que tamén houbera actividades neste lugar marabilloso”, engadiu Silva en referencia á programación que a Deputación está a levar a cabo na provincia por este centenario. Ademais destacou que, día a día, prográmanse máis actos no Pazo de Liñares: “Estamos devolvéndolle a vida”, concluíu.

A visita teatralizada foi concibida como un recurso distinto para dar a coñecer a importancia dun dos pazos máis fermosos de Galicia tanto pola súa historia, como pola súa arquitectura, incluíndo a heráldica e os xardíns. A obra mestura explicación destes aspectos coa vida cotián da familia Taboada e dos visitantes que por alí pasaban. A peza arranca na morte do propietario, Carlos Taboada e coa visita de Emilia para expresar o seu pésame, moi especialmente ao fillo, Amalio. As personaxes de Emilia e Amalio amosan ao público o Pazo ao tempo que rememoran lembranzas, anécdotas e recreacións dalgúns dos seus contos. A peza teatral achega tamén unha pequena escena con títeres baseada nun texto de Pardo Bazán.

“A visita teatralizada foi concibida como un recurso distinto para dar a coñecer a importancia dun dos pazos máis fermosos de Galicia tanto pola súa historia, como pola súa arquitectura, incluíndo a heráldica e os xardíns”

A “trama” comeza no exterior, e céntrase en boa parte no “salón grande” do segundo andar, ademais do paso polo xardín. As estancias de Emilia Pardo Bazán en Liñares son ben coñecidas e a que se recrea na peza teatral dátase en 1908. A autora, que gardaba un estreito vínculo coa familia Taboada, escribiu: “En Liñares, o culto ao pasado é tan reverente, que eu, na miña xeografía novelesca, chamei a esta casa, á vez tan hospitalaria, tan patriarcal e tan distinguida, ‘Pazo do Recordo”.

O programa de actos da Deputación polo centenario de Emilia Pardo Bazán comezou esta semana coa inauguración dunha exposición itinerante no Museo MARCO de Vigo e a presentación do libro do xornalista Ceferino de Blas “Emilia Pardo Bazán en el País de las Rías”. Ademais presentouse a camelia Emilia Pardo Bazán no “Xardín con nome de Muller” do Castelo de Soutomaior, un dos puntos máis destacados da Ruta da Camelia. A Deputación, xunto con Taller Aberto tamén está a preparar un prego didáctico para visibilizar a figura da autora coruñesa entre o alumnado de Primaria para realizar distintas actividades sobre a súa biografía e fragmentos das súas obras. O material distribuirase a partir do próximo mes de setembro.

O Pazo de Liñares data do século XVII e débese a Álvaro Núñez de Taboada. Estivo habitado ata o século XX e cobrou fama como epicentro de actividade cultural gracias a Emilia Pardo Bazán. No 2002 o Concello de Lalín adquiriu o Pazo e posteriormente foi declarado pola Consellería de Cultura Ben de Interese Cultural. Na actualidade acolle o Centro de Xestión e Coñecemento Arqueolóxico da Cultura dos Castros da Deputación de Pontevedra e funciona como espazo sociocultural acollendo con frecuencia actividades programadas pola Deputación.