Deputación de Pontevedra impulsa 22 proxectos no marco dos fondos “Next Generation”

Con case 20 millóns de euros para a provincia

Pontevedra | O fortalecemento do comercio local da provincia e impulso á sostibilidade turística no destino son os pilares dos catro novos proxectos presentados hoxe pola Deputación de Pontevedra que xa teñen confirmado o seu financiamento cos fondos Next Generation e que mobilizarán un total de 5,6 millóns de euros.

Con eles, son xa 22 os proxectos europeos que está a xestionar a Deputación na actualidade e que supoñen un investimento de preto de 20 millóns para fortalecer a eficiencia enerxética, a mobilidade, a xestión do turismo e o apoio aos sectores produtivos. Así o destacou hoxe a presidenta Carmela Silva no acto celebrado no Pazo Provincial con máis de 30 alcaldes e alcaldesas para presentar xunto ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o vicepresidente, César Mosquera, as novas iniciativas aprobadas.

En concreto, ademais dos dous plans de sostibilidade turística ‘Os Camiños por dentro’, para os concellos de Deza-Tabeirós, e ‘Unha terra entre ríos’, para os do Condado-A Paradanta, que xa foran aprobados a finais do pasado ano, contarán con financiamento dos fondos Next Generation outros dous novos proxectos vinculados ao comercio, ‘Commmerce Inside’, para municipios turísticos, e ‘Da túa man’, para concellos con mercados permanentes.

En total, un investimento de case 6 millóns de euros que amosa, como subliñou Carmela Silva, “a enorme capacidade para xestionar do mundo local, que debería ter moita máis porque nunca devolve un euro”. O apoio a estes plans vén apoiar o traballo neste eido feito pola institución en coordinación cos concellos, “cun plan estratéxico de fondos europeos aprobado e presentado moito antes de que se aprobara ningunha orde”. Referiuse ademais á presencia no acto de hoxe das e dos representantes do 36 concellos beneficiarios como un exemplo de “cogobernanza de todas as cores políticas” que permitirá estas accións para fortalecer o turismo e o comercio locais.

A maiores, anunciou que a partir do vindeiro luns 31 de xaneiro comezase a traballar con estes municipios para sacar a concurso de xeito inmediato todas as accións “que van permitir ese desenvolvemento sostible do turismo e esa modernización e a sostibilidade e dixitalización do comercio, así como a posta en valor do comercio de proximidade”. Tamén se entregará aos concellos un cronograma con todos os fondos que xa teñen convocatoria e os que a van ter de forma próxima.

“Estamos seguras e seguros de que imos ter moitos máis fondos porque imos presentarnos a todas as convocatorias que nos permitan transformar a provincia”, concluíu Carmela Silva, que confía no apoio do Goberno e da Xunta ás propostas para bens culturais, especialmente á ampliación futura do Museo de Pontevedra, ou o medio ambiente, co reforzo do Plan Revitaliza.

A presidenta lamentou que a Xunta desestimara xa a posibilidade de que os concellos se poidan presentar ás dúas novas convocatorias lanzadas polo Goberno estatal para infraestruturas e a primeira experiencia laboral para persoas que rematan a FP ou carreiras universitarias.

“A Xunta anunciou que só van empregar eses recursos nas súas propias infraestruturas –sinalou– e para contratar esas persoas mozas na administración autonómica. Fago un chamamento para que abra a posibilidade de que o mundo local poida participar tamén, porque a Xunta ten a potestade de decidilo. É a única forma de que se poidan xestionar e executar os fondos. Non podemos esquecer que fondos que non se executen son fondos que non van chegar e imos perder, e na Deputación non estamos dispostas nin dispostos a perder un só euro”.

Pola súa banda, o delegado de Goberno, José Miñones, fixo unha defensa do protagonismo de concellos e deputacións como axentes canalizadores dos fondos do Plan de Recuperación e, de xeito especial, puxo en valor a Deputación de Pontevedra como referente do turismo en Galicia e no conxunto de España, ao liderar accións de promoción e posta en valor que contribúen a que a provincia estea a recuperar as cifras de visitantes de antes da pandemia.

Avanzou que 2022 será “o ano de Galicia e de Pontevedra”, co impacto do Plan de Recuperación e cos investimentos dos Orzamentos Xerais do Estado. Reiterou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de facer chegar os fondos deste Plan a todos os concellos e ao conxunto da cidadanía. E puxo como exemplo os proxectos presentados en Pontevedra, “que van supoñer un impacto directo na vida dun terzo dos e das habitantes desta provincia, e indirecto naqueles milleiros de persoas que ano a ano se achegan a Pontevedra para desfrutar do seu patrimonio, da súa natureza e dos seus servizos”.

Tras destacar que “comercio e turismo son protagonistas na economía desta provincia” puxo en valor que estas accións permitirán a moitas pemes e autónomos e autónomas dos dous sectores da provincia afrontar a necesaria transformación cara a un modelo máis sostible, dixital e en mellores condicións competitivas.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, subliñou a capacidade dinamizadora e tractora da Deputación para que os concellos poidan conseguir fondos europeos do programa Next Generation. Indicou que a institución está colocada “en boa situación” para acadar financiamento comunitario ao estar aplicando xa, de lado dos concellos, medidas que coinciden coa dirección que se esixe no reparto dos fondos comunitarios en diferentes áreas como a mobilidade sustentable, os residuos, a eficiencia enerxética ou o turismo, entre outras.

“Estamos a aplicar o talento e o coñecemento na busca de solucións avanzadas, anticipadas ao futuro. (…) Temos ideas claras, proxectos ben traballados, e imos afrontar o reto da xestión e ‘repañar’ todo o que poida caer. A idea é ir a por todas e evitar o ‘despilfarro’ a toda costa”, subliñou.

Os novos proxectos de fortalecemento do comercio
O proxecto ‘Commerce Inside’ conta cun orzamento de 1.097.350 € e reforzará a estratexia da Deputación para ampliar o impacto das zonas comerciais en 10 municipios turísticos da provincia, de xeito que as e os visitantes poidan gozar dos produtos locais mellorando a súa satisfacción e a súa experiencia turística no destino Rías Baixas.

Así, Commerce Inside transformará o comercio minorista nas zonas turísticas destes concellos, para dotalos de ferramentas necesarias da contorna estratéxica e afrontar os retos competitivos do futuro vinculados á actividade turística. Desenvolverase nos municipios de Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove. Ten catro eixes estratéxicos: investimentos na vía pública, dixitalización do sector comercial, sostibilidade e economía circular e formación en idiomas.

O outro proxecto, ‘Da túa man’, busca propiciar os cambios necesarios para reactivar o comercio da man tanto para comerciantes, poñendo en marcha medidas que axuden a modernizar e iniciar a transformación dixital dos seus negocios, como para a cidadanía de cada concello beneficiario, onde as veciñas e os veciños deben xogar un papel protagonista no impulso desta actividade esencial para a provincia e o dinamismo local.

O investimento ascende a 1.066.085 € e beneficiará a O Rosal e Tomiño (na comarca do Baixo Miño); Silleda (Deza); Moaña (O Morrazo); A Cañiza (A Paradanta); Poio e Ponte Caldelas (Pontevedra); Meaño e Ribadumia (O Salnés) e Gondomar e Salceda de Caselas na comarca de Vigo. Prevé un total de 13 accións, englobadas nos eixos de transformación dixital, transformación do punto de venda, sostibilidade e economía circular. Outras actividades inclúen a instalación de tótems dixitais que faciliten a información, ou o deseño dunha sinaléctica corporativa para o comercio de proximidade.

Doutra banda, os dous plans de sostibilidade turística: Deza-Tabeirós e O Condado-A Paradanta, suman un investimento de 3,5 millóns de euros. No que atinxe ao de Deza-Tabeirós supón unha inxección superior aos 2 millóns e executaranse 14 actuacións organizadas en 4 eixos programáticos, en concreto os de transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Entre outras accións, figuran a sinalización turística intelixente e unha smartguide dos recursos vinculados aos Camiños, así como o proxecto “Museografía dixital dos mosteiros de Carboeiro e Aciveiro e experiencia dixital Rapa das Bestas.

O plan para O Condado-A Paradanta ten como obxectivo dispoñer dunha estratexia turística intelixente e sostible como ferramenta de dinamización territorial que permita dar profundidade, calidade e variedade á oferta, activando recursos culturais e naturais, mellorando a calidade das experiencias turísticas neste destino que conforman os concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

A inxección europea é de 1,5 millóns e ten 12 actuacións, que inclúen un Plan Director da contorna do Castelo de Sobroso, traballos de renaturalización nas ribeiras dos ríos Deva, Tea, Oitavén e Miño; un plan de iluminación eficiente do patrimonio protexido de carácter turístico, a redacción dun plan integral de mobilidade do destino para o conxunto dos 9 municipios, un produto de realidade virtual da festa do Corpus de Ponteareas fomentando un produto desestacionalizado, a creación do primeiro museo ao aire libre da Festa do Corpus, entre outras.