Deputación de Pontevedra expresa o seu “enorme pesar” polo falecemento da ex deputada Isaura Abelairas

A institución organizará un gran acto público de recoñecemento e homenaxe

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra amosou o seu enorme pesar polo falecemento de da ex deputada provincial Isaura Abelairas, “feminista desde sempre, cun constante activismo e compromiso na loita pola defensa dos dereitos das mulleres e cunha longa traxectoria no municipalismo” como así a cualificou a presidenta provincial.

“Feminista desde sempre, cun constante activismo e compromiso na loita pola defensa dos dereitos das mulleres”

Cun “ata sempre compañeira”, Carmela Silva, que trasladou as condolencias de toda a corporación provincial, despediuse da “inigualable” Isaura Abelairas amosando sentirse “moi triste, totalmente desolada. Foron moitos anos traballando xuntas, tanto en Vigo como aquí, na Deputación. É un golpe moi duro”.

“Isaura Abelairas merece todo o noso recoñecemento”, asegurou a presidenta provincial ao tempo que anunciou que “imos organizar dende a Deputación un grande acto de recoñecemento e homenaxe pública á súa figura”. Carmela Silva enxalzou a traxectoria da ex deputada poñendo en valor tanto o seu compromiso co progreso social da cidade de Vigo e da provincia de Pontevedra como co feminismo e coa loita polos dereitos das mulleres.

Nun acto xunto á presidenta da Deputación Carmela Silva (esquerda)

Tamén tivo palabras para recordar a súa despedida da Corporación Provincial, aló polo mes de febreiro de 2020, “cando nos pediu que seguiramos loitando pola igualdade e aportando todo o necesario para que a sociedade fose máis xusta. Así faremos e con máis forza, se cabe, agora. Non nos imos deter. Non imos parar ata conseguilo”.

Isaura Abelairas ocupou a área de Igualdade na Deputación de Pontevedra dende o primeiro mandato de Carmela Silva, cando se creou o servizo, inexistente ata o 2015. Con ela ao fronte, a igualdade converteuse nun eixo prioritario na institución e bandeira transversal a todas as políticas do goberno.

“Isaura Abelairas ocupou a área de Igualdade na Deputación de Pontevedra dende o primeiro mandato de Carmela Silva, cando se creou o servizo, inexistente ata o 2015”

Liderou iniciativas como a posta en marcha da primeira Escola de Igualdade de Galicia, María Vinyals; o primeiro Plan de Igualdade da Deputación; os programas “Mulleres en acción. Violencia Zero” ou “Cinema e Muller”; os premios Sofía Novoa; as exposicións “Rompe. Xoga en igualdade”, “Sorrisos transformadores” ou “Achegas das mulleres ao mar”; a Cátedra de Feminismos 4.0 coa Universidade de Vigo; as campañas de xogo igualitario do Nadal ou a impulsada nos festivais de música “Lembra! Eu decido, ti respectas”; ou as axudas para concellos e entidades para impulsar a igualdade e previr as violencias machistas, entre outras accións.

Mestra de profesión e directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo dende 1993 ata 2007, Isaura Abelairas tivo unha ampla traxectoria política como concelleira, deputada provincial nos períodos 1999-2003 e 2007-2020) e parlamentaria autonómica (2020-2021).