Deputación de Pontevedra entrega os premios DepoEmprende

Recoñecendo o talento da mocidade pontevedresa

Pontevedra | “Que saiba a provincia que todas e todos imos quedar nas mellores mans, nas de mozas e mozos que teñen ideas, traballan, que se comprometen e son capaces de construír e crear, e é a única forma de que poidamos seguir avanzando”. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor o traballo do alumnado e o profesorado dos centros da provincia que participaron na cuarta edición do programa DepoEmprende na FP durante a xornada DemoDay na que os e as estudantes presentaron os seus proxectos de emprendemento deseñados desde a aula e na que o xurado distinguiu aos gañadores.

Neste senso, os premios, dotados cun total de 1.900 euros, recaeron en dúas propostas de alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo no caso da categoría de Ciclo de Grao Superior e nunha a cargo de estudantes do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra na modalidade de ciclos de Grao Medio.

A iniciativa gañadora na categoría de Ciclo de Grao Superior, que obtén un primeiro premio de 700 euros, foi a titulada Capptus, de alumnado do ciclo de Axencias e Organización de Eventos do CIFP Manuel Antonio e que consiste nun sofware especializado para axencias de viaxes minoristas.

O segundo premio (500 euros) foi a parar á proposta de estudantes de Patronaxe e Moda deste mesmo centro, que presentaron unha marca de roupa sostible baixo a firma de Paloma Ugarte. No caso do proxecto gañador na categoría de Ciclos de Grao Medio (700 euros), foi presentada por alumnado de Panadería, Repostaría e Confeitaría do CIFP Carlos Oroza e leva por título Xílgara. Trátase dun proxecto de elaboración de doces tradicionais e souvenirs para distribuír en cadeas hoteleiras, tendas gourmet e restaurantes.

Na súa intervención, a presidenta provincial subliñou a calidade de todas as propostas presentadas ao afirmar que “todas e todos vós sodes gañadores”. “Cada ano sorpréndeme este programa porque tomo conciencia de canto talento ten a nosa mocidade, que ten a capacidade de crear e poñer enriba da mesa novas respostas a novos retos, ou novas respostas a retos que sempre estaban enriba da mesa”, sinalou, ao tempo que destacou a forte presencia feminina nestes proxectos, “porque non seremos capaces de crecer máis e mellor se non participamos na metade de todo, que é o que nos corresponde”.

“Son proxectos marabillosos –engadiu Carmela Silva- e dáme moito optimismo ver a unha mocidade tan potente. Que non vos diga ninguén que as mocidades doutros tempos eran mellores. É absolutamente falso. Cada xeración é mellor que a anterior e iso vese nestas propostas marabillosas que presentades, innovadoras, diferentes, que dan resposta ás cousas”.

“Son proxectos marabillosos –engadiu Carmela Silva- e dáme moito optimismo ver a unha mocidade tan potente. Que non vos diga ninguén que as mocidades doutros tempos eran mellores. É absolutamente falso. Cada xeración é mellor que a anterior e iso vese nestas propostas marabillosas que presentades, innovadoras, diferentes, que dan resposta ás cousas”.

A presidenta da Deputación fixo tamén fincapé no compromiso que as administracións deben ter coa educación, “o único ascensor social que temos”, e un especial recoñecemento ás mestras e mestres polo seu papel na pandemia para seguir “prestando con novas fórmulas unha educación de calidade” e porque co seu compromiso seguen a facilitar cada edición de DepoEmprende na FP. “Amais do seu traballo e de cumprir cos currículums e de formar ao alumnado, dedican tempo a este programa –destacou-. E estamos inmensamente agradecidas e agradecidos a todos vós; facémosvos este recoñecemento desde o corazón”. A presidenta concluíu afirmando que “non hai centros de FP en Galicia, o Estado, Europa ou no mundo como os da provincia de Pontevedra: como o creo, o digo”.

Proxectos inclusivos e sostibles
Nesta xornada DemoDay as e os estudantes participantes nos nove proxectos presentados ao concurso por parte de cinco centros da provincia deron a coñecer as súas propostas, todas elas inclusivas, respectuosas co medio ambiente e de fomento da actividade física, no acto celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial.

No que atinxe aos proxectos de Ciclo de Grao Superior, amais das iniciativas vencedoras, o alumnado do Ciclo de Administración e Finanzas do IES Johan Carballeira de Bueu, amosou a súa proposta Beltos Barf, sobre comercio minorista de venda de alimentos barf para cans, con ofertas de alimentos crus e bioloxicamente apropiados para animais domésticos. Tamén desde este centro e o mesmo ciclo, presentouse o proxecto Autocares Fariña, un autocine para os concellos da provincia na que se reproducirán películas ao aire libre e con acceso de vehículos para desfrutar da cultura a pesar das dificultades derivadas da pandemia.

E desde o Ciclo de Desenvolvemento de Aplicación Multiplataforma do CPR Daniel Castelao de Vigo amosaron Rigabat, un sistema para o aproveitamento enerxético de bateas que consiste en empregar a superficie destas construcións para instalar placas solares co fin de xerar enerxía eléctrica. E alumnado do Ciclo de Xestión de Aloxamentos Turísticos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra presentou Roof Garden, un hotel con estética minimalista que ofrece un servizo eco-friendly con un sistema de xestión ambiental en continua revisión para minimizar o impacto no ecosistema.

Na categoría de Ciclo de Grao Medio, amais da proposta gañadora, no acto presentáronse outras dúas desde o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar: estudantes de Condución de Actividades Físico Deportivas no Medio Natural deron a coñecer unha cadeira de rodas eléctrica adaptada para realizar actividades deportivas ao aire libre, así como outro proxecto para levar a cabo unha serie de rutas a cabalo no medio natural do Courel.

Neste curso 2020-2021 en DepoEmprende na FP participaron 6 centros de formación profesional da provincia e 225 estudantes, que chegaron a traballar nun centenar de proxectos. E desde a posta en marcha deste programa da institución provincial, no ano 2016, teñen participado 29 centros e 719 alumnos e alumnas.