Deputación de Pontevedra e UVigo entregaron os premios “GirlGeekCovid”

Con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia o pasado 11 de febreiro

Vigo | A Deputación de Pontevedra celebra este 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia co claro compromiso, como sinalou a presidenta Carmela Silva, de “cambiar as cifras” que neste momento arroxa o mundo científico e que amosan que aínda se está a “deixar na cuneta o 50% do talento das mulleres”. “O mundo –dixo- cambia cando hai acción e non só intención, e nós temos intención, pero sobre todo acción”.

As actividades coas que a institución provincial envórcase nesta conmemoración tiveron o seu punto central na entrega telemática desde Vigo dos primeiros premios GirlGeekCovid, cos que a Deputación e a Universidade de Vigo incentivan, apoian e fomentan os estudos STEAM entre as mulleres e que forman parte do traballo da Cátedra Feminismos 4.0. Dúas estudantes de Ciencias Ana Ramírez, de Bioloxía, e Laura Sánchez, de Química, e dúas de enxeñería, Iria Ollero, de Enxeñería Biomédica, e María Elena Márquez, alumna de Telecomunicacións, foron as catro alumnas galardoadas.

No acto, a presidenta lamentou que o mundo STEAM, que vai xerar a maioría dos empregos a curto e medio prazo, aínda non teña acadado a igualdade. Neste senso, apuntou que as mulleres científicas só ocupan o 7,6% dos libros de texto de Primaria e ESO, que soamente un 25% estuda carreiras STEAM, das que un 24,5% son Enxeñerías; un 12% Informática; 8% Telecomunicacións ou un 11% Física, “datos que nos preocupan, e que teñen que ver con que desde que nacemos nos din ao que nos temos que dedicar. Primeiro, cando nos regalan xoguetes, logo tamén cando se nos oculta a referentes científicas, porque se nos libros de texto de Primaria e ESO, que son nos que sementamos a nosa posición no mundo, o 92% son homes, as nenas entenden que a ciencia é unha cousa de homes”. “E se invisibilizamos ás mulleres que teñen tanto aportado á ciencia –afirmou_, temos problemas moi serios. Se ocultamos ese nomes dificilmente as mulleres poden ter referentes”. Neste sentido, referiuse á aportación feminina apenas visibilizada ás vacinas Covid, cando “hoxe son a prioridade da Humanidade”.

Tanto a presidenta como o reitor, Manuel Reigosa, destacaron a importancia destes premios GirkGeekCovid que, como destacou Carmela Silva, “son premios á excelencia das mulleres que estudan carreiras de enxeñería e ciencia” e, como subliñou o reitor, “son un punto de inflexión en como traballamos nun campo que ata agora estaba bastante baleiro e o primeiro que temos que facer é buscar información e coñecementos para atallar cuestións e machismos que temos no noso día a día”. “Entre todos –sinalou- estamos a construír un futuro mellor”.

As catro premiadas destacaron a relevancia de actividades como estes premios para dar un paso máis na visibilización das mulleres neste campo. Na categoría de Ciencia, o primeiro premio (2.000€) recibiuno Ana Ramírez, estudante de Bioloxía, quen subliñou que a data do 11 de febreiro “é o momento ideal para reivindicar o papel que nós debemos xogar nesta área sociedade e a importancia de facer visibles os logros das mulleres na ciencia, tecnoloxía e enxeñería”. Ramírez felicitou ao resto das participantes por amosar que “ser muller e ter éxito na ciencia é máis que posible”.

O accésit (1.000€) nesta categoría foi para Laura Sánchez, da especialidade de Química, quen relatou os seus medos e dúbidas antes de cursar unha carreira STEAM. Recoñeceu que agora a súa disciplina lle chea, pero tivo que “descubrir que era necesario experimentar antes de poñerme esas barreiras que me facían pensar que era una rama inalcanzable”. Agradeceu o apoio da súa familia, e especialmente súa irmá, “porque me abriu a perspectiva de que o xénero non condiciona a túa aspiración, senón a perseveranza e esforzo”

No que respecta á categoría de Enxeñería, o primeiro premio foi para Iria Ollero, estudante de Enxeñería Biomédica, que afirmou que na súa titulación hai un 50% de mulleres “aínda que queda camiño por percorrer para que estas cifras comecen a aparecer no ámbito laboral”. E o accésit foi para Maríelena Márquez, alumna de Telecomunicacións, quen subliñou que “eu tiven apoio da miña familia para dedicarme a isto, pero ata chegar á universidade non somos conscientes da diferenza e de canto traballo fai falta nestes campos para seguir motivando a todas as nenas que queren seguir nisto e que quizais non teñen tantos referentes; grazas por danos recoñecemento a este esforzo, ter esta clase de actos significa moito para todas”.

Carmela Silva recoñeceu o traballo, coñecemento, formación e feminismo das premiadas, todas elas con notas medias entre 8 e 9, e lembroulles que para acadar máis científicas como Patricia Bath (inventora do dispositivo cirúrxico láser que revolucionou o tratamento de cataratas); Marian Croak, (que inventou a voz sobre IP, tecnoloxía que se emprega para realizar videoconferencias por Zoom ou Skype); Shirley Jackson, (inventora do cable de fibra óptica) ou Bessie Nesmith (inventora do tipp-ex) ou Margaret Kight (a ideóloga das bolsas de papel con fondo plano) ou Yvonne Brill (inventora do sistema de propulsión de hidracina) “ten que haber nenas mozas estudiando carreiras STEAM e teñen que ter referencias”. “Porque canta xente coñece a esas mulleres?, preguntou. Pois grazas a elas usamos instrumentos para todo tipo de cuestións. Cos vosos currículums tan potentes seguro que sairán mulleres que van aportar moito e terán a capacidade de dar respostas ás novas demandas. Espero que elas si estean nos libros de texto. Desexo que sexades impulsoras do cambio, aínda que xa o sodes”. Concluíu reivindicando o lema deste ano en redes sociais, “NoMoreMatildas”.

O reitor Reigosa lembroulles que “aínda que volo pinten doutra cor, a igualdade real esta lonxe de chegar e no mundo STEAM e precisamos de xente co voso esforzo e co voso discurso”. Subliñou que estes premios amosan que “temos canteira e será posible con moito esforzo que sexades un referente e un exemplo e que atraiades a este mundo a moitas mais mulleres”.

A xornada en redes
Ao longo desta xornada, a Deputación está a realizar un intenso traballo de visibilización das mulleres da ciencia a través das súas redes sociais, tanto referentes ao longo da historia como as actuais. Tamén amosa a través de datos a desigualdade existente no mundo STEAM e os proxectos que neste campo está a desenvolver a institución provincial, varios deles coa Universidade de Vigo, amais da propia Cátedra Feminismos.

É o caso da iniciativa Inspira STEAM, que pretende fomentar a ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas entre as mozas a través de acción de sensibilización e orientación, ou dos proxectos “Achegas das mulleres ao mar”, “O mar das mulleres” e “A maleta dos océanos”, para visibilizar o papel da muller no mar.

Doutra banda, a Deputación desenvolve anualmente campañas de xoguetes sen estereotipos de xénero, promove as xornadas formativas no marco da Escola de Igualdade María Vinyals, ou a mostra “Con A de Astrónomas” para dar a coñecer a milleiros de mulleres que investigaron neste eido.