Deputación de Pontevedra destina 230.000€ para igualdade e prevención da violencia machista

A Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de subvencións, por valor de 230.000 €, para que os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes poidan impulsar iniciativas para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas. No 2021 os 51 concellos que hai na provincia de menos de 20.00 habitantes presentaron proxectos no marco destas axudas.

A presidenta Carmela Silva subliñou que “foi a primeira vez que todos se sumaron a estas axudas o que manifesta que dende que temos creado a área de Igualdade, fai sete anos, estamos a transformar o compromiso dos concellos, converténdonos nunha provincia que aposta firmemente pola igualdade entre mulleres e homes e que loita contra as violencias machistas”.

Mediante esta liña de axudas, os concellos poderán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas das Mesas Locais ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia de xénero, ben sexan fillas, fillos ou persoas dependentes ao seu cargo.

Tamén son obxecto destas subvencións programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; para a mellora da formación e o emprendemento, da inserción laboral e accións para os plans municipais de igualdade.

Amais, a través destes recursos os concellos poderán crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade na vida persoal, familiar e persoal, así como actividades dirixidas ao alumando, profesorado, familias e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Gran Gala Provincial do Turismo
A Gala Provincial do Turismo, que organiza a Deputación de Pontevedra, regresa un ano máis por todo o alto cun gran espectáculo musical, audiovisual e sensorial que incluirá a participación estelar de Tanxugueiras e un sorprendente show en altura de Pablo Méndez Performance, ademais do nomeamento da nova embaixadora Rías Baixas.

A presidenta Carmela Silva, anunciou esta mañá que o evento terá lugar o xoves 17 de marzo ás 19.30 horas no Auditorio Mar de Vigo (Vigo) e desvelou que a Ruta do Viño é a flamante embaixadora 2022, dando o relevo aos chefs con estrela Michelin, que foran distinguidos con este cargo honorífico en 2021.

“Esta Gala é a gran festa do turismo da provincia e dun sector comprometido coa calidade. É a cita máis importante do turismo na provincia e en Galicia, e unha das máis potentes de todo o Estado”, destacou, para salientar que no evento serán homenaxeadas as máis de 300 empresas que contan co selo SICTED, cifra que convirte o destino Rías Baixas en líder estatal.

Carmela Silva subliñou que o sector ten “moito que celebrar” este ano e lembrou que a provincia recibiu en FITUR o premio ao mellor destino turístico nacional, galardón que acredita a súa excelencia. O acto, adiantou a presidenta, será conducido por Jazmín Abuín, “polifacética actriz viguesa que xa nos acompañou na presentación en FITUR, que está a percorrer os teatros de toda España e que é unha grande embaixadora da nosa provincia”.

A gran noite do turismo será “unha gala excepcional”, afirmou a presidenta antes de revelar a participación de Tanxugueiras. “Que mellor que ter ese día a Aida, Olaia e Sabela. Serán as encargadas de presumir de Rías Baixas, que é unha terra sen fronteiras.

Parece que fixeron esta canción pensando na provincia de Pontevedra porque temos xente de todos os continentes que viron e quedaron aquí”, explicou Carmela Silva, en referencia á campaña turística Love Rías Baixas, que será o fío central do evento e que está protagonizada por persoas de diferentes países que decidiron vivir na provincia tras descubrila. “Tanxugueiras encherá de forza, música, calidade e orgullo de ser galegas e galegos esta gran Gala Provincial do Turismo”, subliñou a mandataria provincial.

Imprimir

Ademais, o programa inclúe “un espectáculo sensorial, de luz, son e acrobacias: un show brutal da man de Pablo Méndez Performance que sorprenderá moito a todo o público”, adiantou a presidenta. Ao longo do acto proxectaranse tamén varias pezas audiovisuais para amosar o patrimonio, a costa e o interior, as persoas e as empresas deste extraordinario destino turístico.

Nomeamento da nova embaixadora
Carmela Silva salientou que a elección da embaixadora Rías Baixas 2022 “é unha homenaxe a todo o sector do viño, e particularmente á nosa Ruta do Viño Rías Baixas”, que foi nomeada este ano mellor ruta do viño de España en FITUR.

“A primeira embaixadora foi Emma Lustres, en 2021 foron os nosos grandes chefs, e agora queremos render homenaxe ao mundo do viño, cos nosos marabillosos viñedos, bodegas e viños que están nas cartas dos restaurantes de todo o mundo. Son un dos nosos grandes atractivos turísticos”, expuxo. A Ruta do Viño recollerá no acto o distintivo que a acredita como embaixadora do destino.

Ao longo da Gala entregaranse os diplomas SICTED ás 163 empresas da provincia que este ano obtiveron por primeira vez ou renovaron o distintivo. “Renderémoslle unha homenaxe a estas empresas que amosan a súa gran calidade. Temos un sector moi comprometido e queremos celebrar esta fortaleza da nosa provincia”, detallou a máxima responsable da Deputación.

En “streaming”
A Gala será retransmitida en streaming a través da web e as redes sociais da Deputación de Pontevedra e Carmela Silva invitou a toda a veciñanza a conectarse. O aforo no vestíbulo do Auditorio Mar de Vigo, lugar no que tradicionalmente se celebra o evento, redúcese a 350 persoas polas limitacións ás que obriga a pandemia.

No público estarán os e as representantes das empresas, alcaldes e alcaldesas e asociacións do sector.

“A Gala está concibida como un espectáculo televisivo e terá un escenario enorme. Haberá un photocall na entrada, cunha animación sorprendente, e unha alfombra vermella, porque somos un destino de Oscar”, detallou a presidenta, para proclamar finalmente que “será un gran evento que fala de que somos o destino turístico máis potente de toda Galicia”.

Outros artigos