Deputación de Pontevedra destaca a “boa imaxe dixital” de Turismo de Rías Baixas

Cun elevado interese polo turismo cultural e activo

Pontevedra | O destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia conta cunha valoración moi positiva entre as e os internautas. A análise big data que está a facer a Deputación de Pontevedra para coñecer a percepción das usuarias e os usuarios das redes sociais e doutras plataformas dixitais constata unha óptima reputación do destino turístico.

O informe bimensual de maio e xuño realizado pola firma líder Brandwatch, baseado en 282.275 mencións de máis de 80.000 autores e autoras con medio millón de impactos, reflicte un sentimento positivo de ata o 44% na conversa, mentres que a notoriedade da marca Rías Baixas experimenta un crecemento do 14% respecto ao bimestre anterior. A cultura e a oferta de turismo activo da provincia espertan un alto grao de interese entre as comunidades das redes.

“A Deputación é unha grande referencia na dixitalización e estes datos permítennos tomar decisións na promoción e desenvolvemento de produtos turísticos”, destacou a presidenta Carmela Silva. A máxima responsable da institución subliña que “Rías Baixas está consolidado como destino multiexperiencial, con valores recoñecidos como a riqueza paisaxística, as actividades de natureza e aventura, e a sustentabilidade”, o que supón “unha oportunidade de desestacionalización turística que é preciso aproveitar”.

“A Deputación é unha grande referencia na dixitalización e estes datos permítennos tomar decisións na promoción e desenvolvemento de produtos turísticos”

A conversa positiva alcanzou o 32% en maio e o 44% en xuño, mentres que a negativa apenas chegou ao 3%. A presentación da campaña “É o teu momento” en Fitur 2021, as praias con bandeira azul ou a normativa de areais sen fume son os contidos de maior difusión. “Hai accións que xeran notoriedade e prestixio como os galardóns das campañas turísticas, as bandeiras azuis e a eliminación do tabaco nestes espazos, ou as accións de mobilidade amable”, explicou a presidenta, que salienta que “as administracións locais están a liderar o posicionamento de Rías Baixas – Pontevedra Provincia como un destino de excelencia”.

Outro dos aspectos que subliña o informe é o alto interese polos espectáculos e os eventos musicais, particularmente os Rías Baixas Fests. “O noso ecosistema musical é un elemento de atracción de persoas ao destino que debemos potenciar”, apunta a presidenta. A cultura é, xunto ao turismo activo, o recurso que xerou maior interese entre maio e xuño. No primeiro caso as mencións aumentaron o 188% mentres que na oferta de ocio e aventura a subida alcanzou o 572%.

Carmela Silva sinala que o destino “xera un sentimento positivo sen apenas impacto de noticias como a pandemia ou a masificación doutros lugares”, e chama a “preservar esta imaxe como elemento clave para a reactivación”.

Por outra banda, as iniciativas de responsabilidade social e de loita contra a contaminación reflicten un aumento do 250%, e constátase un alto sentimento positivo sobre o modelo de mobilidade amable do destino.

“Outro dos factores que inciden na boa reputación e a notoriedade da marca foron os sorteos da campaña #MomentosRíasBaixas”

Outro dos factores que inciden na boa reputación e a notoriedade da marca foron os sorteos da campaña #MomentosRíasBaixas, nos que as usuarias e usuarios subían imaxes de instantes especiais vividos na provincia acompañadas de comentarios. Publicáronse máis de 3.000, e participaron activamente 10.000 internautas. A campaña obtivo máis de dous millóns de impactos.