Deputación de Pontevedra confirma a colaboración coa UVigo

Primeiro encontro do presidente provincial Luis López co reitor Manuel Reigosa

Vigo | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, realizou este mércores a súa primeira visita institucional á Universidade de Vigo para manter unha reunión de traballo co reitor Manuel Reigosa.

Un encontro no que tamén participou a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, e que serviu para coñecer de primeira man as instalacións e os proxectos formativos e de investigación que se están levando a cabo no campus de Vigo, así como para tratar vías de colaboración entre as dúas institucións.

“A provincia de Pontevedra non se entende sen a Universidade de Vigo e as vías de colaboración van continuar porque ese é o noso espírito”, adiantou o mandatario provincial ao remate da reunión.

Coa presenza das vicerreitoras de Investigación e do Campus de Pontevedra, Belén Rubio e Eva Lantarón; a entrevista serviu para afondar en asuntos relacionados coa actualidade e plans de futuro que ocupan a ambas as institucións. Neste sentido, ambos os dirixentes falaron tamén da situación da Escola de Enfermería, que pertence á Deputación pero está plenamente integrada na Universidade. Unha escola que o próximo ano verá incrementado o seu orzamento ata o medio millón de euros, un 5,6 % máis que o ano anterior.

“Son moitos os programas e convenios que había e que vai haber”, resumiu Luis López ratificando a intención do Goberno provincial para seguir colaborando coa Universidade de Vigo en ámbitos como o Medio Ambiente, o Deporte ou a Igualdade, entre outros.

“A colaboración vai ser clave para facer unha provincia máis competitiva e na que os mozos e mozas teñan futuro”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra antes de iniciar un percorrido polos laboratorios do CACTI e CINBIO acompañado polos dirixentes da Universidade e os responsables destes centros de investigación para coñecer os proxectos que teñen en marcha.