Deputación de Pontevedra concede subvencións para retirar a simboloxía franquista

En seis Concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra retirará a simboloxía franquista da fonte de Alférez Barreiro, en Baiona.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio e do departamento de Memoria Histórica, axudará a seis concellos da provincia (Baiona, A Guarda, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e Salceda de Caselas) a retirar simboloxía franquista de diferentes construción no seu espazo público.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita do resultado da nova liña de axudas. Quixo subliñar a valentía dos concellos solicitantes para cumprir coa Lei de Memoria vixente, e salientou que abrirán camiño para que en vindeiras edicións sexan máis os municipios da provincia que se interesen en erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conservan.

Destacou a nacionalista que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón na simboloxía e no interese amosado desde os gobernos locais por retirar elementos que están vencellados coa ditadura e por cumprir os principios de ‘verdade, xustiza e reparación’ .

As subvencións da Deputación podían destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

Na meirande parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura.

“Na meirande parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional”

Tamén hai elemento das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

Un dos concellos beneficiarios das axudas foi Ponte Caldelas, que recibirá 9.9918,37 euros para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira na zona de Silvoso, unha construción de titularidade municipal que ten na súa fronte unha pedra gravada co xugo e as frechas da Falanxe. Ademais, demolerase a estrutura existente, piares e cuberta para substituílas por unhas novas, e acondicionarase mediante chorreado ademais de forrar de pedra as paredes de formigón.

O concello de Vilagarcía retirará a cruz acaroada á fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, para o que recibirá 5.916,95 euros. Segundo se explica na memoria do proxecto de retirada, a cruz é un elemento engadido durante a época franquista “que carece de autoría e interese artístico”.

Os traballos realizaranse co asesoramento e colaboración da restauradora Iria López Baltar. Primeiramente farase unha prospección da fachada de pedra. A fase de restitución da superficie dependerá do resultado da fase de retirada, en función dos elementos que estean fondamente incrustados á fachada, traballando con buxardas, e valorando a posibilidade dun encaixe para a eliminación das letras no caso de ser necesario.

O Concello de Baiona aproveitará a axuda de 2.032,63 euros para eliminar simboloxía de tres fontes de titularidade municipal ubicadas en diferentes parroquias: a fonte de Alférez Barreiro, a de Subida da Roca e a de San Antón.

A fonte do Alférez Barreiro ten unha estrutura de pedra que na parte superior ten unha ornamentación clásica que inclúe gravado o escudo falanxista do xugo e as frechas e a inscrición ‘Restaurada por JAM’ 1950, referente á inclusión do símbolo por parte das Xuntas de Acción Municipal no devandito ano. Actualmente o escudo falanxista atópase riscado cun esprai negro.

A fonte da Subida da Roca ten un gravado falanxista na lousa que forma o corpo central, xunto á inscrición JAM 1952, referente á restauración da fonte e á inclusión poar parte das xuntas, estando tamén o escudo tapado por esprai vermello.

A fonte de Subida da Roca en Baiona ten un gravado falanxista na lousa.

Finalmente, a fonte de San Antón, é unha fonte tradicional dentro dunha estrutura de nova construción (década do 2000) en semellanza dunha torre medieval. A pesares da renovación sobre a estrutura orixinal da fonte atópase unha pedra co escudo falanxista e a inscrición ‘JAM 1949’, tamén tapado con esprai vermello.

En todas estas construcións faranse traballos de desbastado da pedra ata alcanzar a superficie lisa e farase un abuxardado da superficie. Instalarase un escudo do Concello de Baiona en bronce no primeiro dos casos.

No Concello de A Guarda eliminarase a simboloxía franquista da Praza de Abastos e da fonte –lavadoiro da Silveira grazas aos 1.762,20 euros de subvención. Na Praza de Abastos será retirada a placa conmemorativa de mármore branco con ‘ribete’ en negro con cravos de bronce que inclúe o xugo e as frechas da Falanxe ademais da inscrición ‘Deputación Provincial-Cooperación e os anos 1956-1957 e 1958-1959.

No Concello de A Guarda eliminarase a simboloxía franquista da Praza de Abastos e da fonte –lavadoiro da Silveira.

Tamén se retirará a placa da fonte da Silveira ou da Piollosa, de material indefinido e repintado en varias ocasións no que destaca na parte central o xugo e frechas da Falanxe.

No Concello de Salceda de Caselas, cunha subvención de 1.573 euros retiraranse os escudos falanxistas de xugo e frechas da Fonte de Mil, no barrio da Revolta na parroquia de Parderrubias, e da Fonte de Liñares, no barrio de Barreiro da parroquia de Santa María de Salceda. Para a eliminación farase un picado manual e posteriormente unha limpeza con auga a presión para igualar a textura da zona picada co resto da fonte, retocando tamén o encintado.

O Concello de As Neves recibirá unha axuda de 1.028,5 euros para a eliminación de simboloxía do réxime franquista en dous espazos: a Fonte de San Ignacio, na que se fará un piqueteado da pedra baixo a figura de San Ignacio onde se sitúa un xugo e unhas frechas; e o portalón de acceso ao centro de saúde onde hai un símbolo de falanxe consistente nun xugo e unhas frechas.

O goberno local explica que como en multitude de concellos galegos a fonda pegada do franquismo segue presente nos espazos públicos das Neves dentro do núcleo urbano, a igrexa parroquial das Neves, a fonte de San Ignacio e o actual centro de saúde, polo que é preciso actuar para actuar insistindo na correcta interpretación histórica dos feitos acontecidos na guerra civil e ditadura para fornecer unha sociedade máis democrática.

A Fonte de San Ignacio no Concello das Neves.

Finalmente, o Concellos de Pazos de Borbén recibirá 943 euros para retirar o símbolo da Falanxe dun lugar especialmente simbólico: o balcón da fachada principal da antiga Casa do Concello. Os traballos consistirán no abuxardado da pedra para deixala ao mesmo nivel que o resto da lousa.