Deputación de Pontevedra celebrará pleno en defensa da Constitución

O vindeiro luns 20 de novembro esixindo "o respecto ao estado de dereito e á democracia”

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra vén de convocar unha sesión plenaria extraordinaria para o próximo luns día 20 de novembro ás 13:00 horas para votar unha moción en “defensa da Constitución Española, a igualdade dos españois e o respecto ao estado de dereito e á democracia”.

O motivo desta convocatoria está relacionada co acordo que transcendeu publicamente entre os partidos PSOE, Junts e Esquerra Republicana de Catalunya para a aprobación dunha Lei de Amnistía impulsada co obxectivo da investidura do presidente do Goberno de España.

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento de contratación por urxencia da reparación do muro de contención situado na praia da Madorra, en Panxón, e que se corresponde cun treito da EP-2104 Panxón-Patos.

A institución provincial dedicará a estes traballos un investimento de 150.000 euros para actuar nun treito de arredor de 250 metros.

A infraestrutura sufriu danos por mor dos temporais que se veñen sucedendo no último mes, concretamente durante a última semana de outubro, cando o muro se viu afectado gravemente e con risco para os seus usuarios debido á preamar máxima que se rexistrou na zona.

Ademais por mor dos temporais, a cementación do muro de cachotería quedou no aire ao levar o mar toda a area da praia, quedando as rochas do fondo á vista. Os danos chegaron tamén á propia calzada, producíndose unha fenda lonxitudinal signo do seu afundimento. A consecuencia diso, e tendo en conta o probable colapso en próximos temporais, a Deputación de Pontevedra procedeu a cortar o tránsito peonil do paseo marítimo co que conta a estrada provincial, así como á desviación do tráfico rodado.

A actuación de emerxencia que vai acometer a Deputación garantirá a viabilidade do uso e seguridade da estrada e evitará riscos de danos maiores antes de que se vexan afectados o resto do muro e mais o paseo marítimo.

Repararase o muro, reforzarase a súa base e desmontarase a pasarela. No caso do muro, será necesario demoler e reconstruír as zonas afectadas así como enchelo con materiais adecuados. Tamén se reporá a rede de drenaxe e o paquete de firme na zona afectada.