Deputación de Pontevedra aproba 1,5 millóns € do Plan Concellos

Beneficiará a nove Concellos mais da provincia

Pontevedra | A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar novas subvencións por 1,5 millóns de euros para nove municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Trátase de sete achegas da liña 1 de Investimentos coas que os concellos da Estrada, Valga, Caldas de Reis e Cerdedo-Cotobade realizarán actuacións de seguridade viaria, instalarán mobiliario ou contarán con nova maquinaria.

Ademais, con estes investimentos a Deputación financia tamén achegas municipais para as actuacións do Plan ReacPon en Vilaboa, Meaño e Salvaterra de Miño. Na mesma liña tamén foron aprobadas dúas achegas da liña 3 de Emprego coas que Barro e Campo Lameiro contratarán a 22 persoas.

No marco da liña 1, para a comarca do Deza foi aprobada unha subvención de 260.139 euros para que A Estrada conte con novo mobiliario urbano (bancos, papeleiras, xardineiras…) en varias rúas nas que o concello está a facer intervencións de humanización. Na comarca do Salnés Valga contará con 139.527 euros para sufragar a achega municipal do convenio coa Deputación para a mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil en 450 metros da EP-8501 Valga-Martores.

Deste xeito a Deputación financia o total da obra que ascende a 463.292 euros. Tamén foron aprobados os 90.080 euros da parte que lle corresponde a Meaño do plan ReacPon para a mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento do seu pavillón de deportes e cuxo orzamento, financiado totalmente pola institución provincial, é de 450.400 euros.

Na comarca de Pontevedra para Caldas de Reis a Xunta de Goberno deu luz verde a 126.708 euros para subministración de máquina minicargadora con accesorios para limpeza e mantemento coa que se mellorará a eficacia e eficiencia dos traballos de mantemento das estradas rurais.

Para Cerdedo-Cotobade foron aprobados 107.963 euros para financiar unha liña media tensión aérea para alimentación do balneario do San Xusto e para Vilaboa 531.974 euros para a achega municipal do ReacPon que servirán para ampliar a Casa do Concello, cun orzamento de 993.834 euros sufragado integramente pola Deputación de Pontevedra.

Ademais, á comarca do Condado-Paradanta chegarán 88.867 euros para que Salvaterra aporte a achega municipal do ReacPon para humanizar a rúa Marqués de Viana, cuxo orzamento ascende a 586.867 financiados integramente pola Deputación.

Ademais, ao abeiro da liña 3 Barro contará con 98.332 euros para contratar a 12 persoas e Campo Lameiro con outros 84.374 euros para facer o mesmo con 10 traballadoras/es. Entre os perfís que demandan estes concellos atópanse condutores/as, albaneis ou peóns e peoas de limpeza ou forestais.