Deputación de Pontevedra apoia a variante sur do Porto da Guarda

Xuntanza entre a presidenta Carmela Silva e o alcalde Antonio Lomba

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra expresou hoxe o seu apoio ao Concello da Guarda no proxecto da variante do acceso sur do Porto como o mellor trazado posible para unha obra clave no desenvolvemento da vila do Baixo Miño.

Nunha reunión celebrada na institución provincial, á que asistiu a presidenta Carmela Silva, o alcalde Antonio Lomba explicou que esta alternativa de trazado é a mellor valorada desde todos os puntos de vista, a que escolleu desde un principio o persoal técnico da Deputación e do Concello.

Esta iniciativa ten en conta factores tan importantes como a afección ao medio humano ou o impacto medioambiental xa que non afectaría ás vivendas, nin ao litoral o que permitirá manter como principal o uso peonil e ciclista da senda litoral, reducindo o tráfico de vehículos.

O alcalde trasladou á Deputación a necesidade da implicación da Xunta de Galicia no desenvolvemento deste trazado polo que adiantou que convidará ás tres administracións a unha xuntanza para poder avanzar.

A presidenta Carmela Silva xa mostrou a disposición da institución para participar na reunión tripartita e, incluso, “aínda que non son competencias provinciais, poderíamos avaliar a opción de coparticipar na financiación ao tratarse dun proxecto clave para o municipio, que cumpre todos os parámetros do noso modelo de recuperación de espazo público e mobilidade amable e sustentable.

Amais, recordou, “a eliminación do tráfico do centro permitiría por fin, e como sempre foi a nosa intención, que a rúa Concepción Arenal que xa humanizamos poida ter un uso preferentemente peonil”.

“O proxecto do acceso sur foi redactado pola Deputación a solicitude do Concello no ano 2018”

O proxecto do acceso sur foi redactado pola Deputación a solicitude do Concello no ano 2018, e actualmente se sigue traballando con Patrimonio desde un punto de vista técnico para adaptalo ás súas suxestións e poder continuar co procedemento, xa que dispón do resto dos informes sectoriais.

O alcalde guardés lembrou que a obra é prioritaria cara á necesaria reactivación do Porto, eliminar o tránsito de vehículos nas rúas do centro e conseguir un bo acceso á principal zona turística e de restauración da Guarda.