Deputación de Ourense rexeita proposta socialista de axudas ao comercio local

A iniciativa demandaba unha liña de axudas de concorrencia competitiva

Ourense | Os socialistas impulsaron no pleno provincial unha iniciativa para crear axudas estables para as asociacións de comercio local e centros comerciais abertos da provincia en réxime de concorrencia competitiva, co fin de acabar cos “repartos a dedo” de Manuel Baltar desde a institución. A proposta foi rexeitada cos votos do PP e da deputada tránsfuga, Monte Lama.

A vicevoceira do PSdeG, Elvira Lama, asegurou que esta iniciativa “pretende favorecer” ao comercio “que está a atravesar un momento crítico en todo o país, pero especialmente nesta provincia”. “Moitas destas asociacións xa presentaron iniciativas ante a Deputación de Ourense e só obtiveron a calada por resposta”, denunciou en referencia ao “nulo” papel do goberno de Baltar neste sentido.

“Esta moción é para axudar a todos aqueles que unen esforzos en defensa dos seus intereses”, matizou Lama quen recordou como ela mesma formou parte deste tipo de asociacións.

“Os ‘comerciantes se senten desamparados’ e ‘cada semana pechan cinco comercios na provincia”

“A situación non é nova porque a competencia co comercio electrónico é voraz desde hai anos, pero agora a situación foi agravada pola crise da Covid”, recordou antes de sinalar que os “comerciantes se senten desamparados” e que “cada semana pechan cinco comercios na provincia”. “Esta moción trata de dar osíxeno ao comercio local”, aseverou antes de concluír asegurando que “un non a esta moción é condenalos a pasalas canutas”.

A proposta demandaba unha liña de axudas de concorrencia competitiva con criterios obxectivos e igualitarios, a través dunha modificación de crédito de 500.000 euros neste 2021. Tamén pedía que estas axudas perduren en vindeiros exercicios.

Igualmente reclamaba a creación do “Plan Estratéxico do Comercio de Ourense”, en colaboración coas asociacións e centros comerciais abertos, para “desenvolver accións colectivas de promoción comercial, que permitan mellorar a competitividade e impulsar a modernización do sector comercial e de establecementos de venda directa”.