Deputación de Ourense patrocina un libro dunha vicesecretaria do Partido Popular

PSdeG-PSOE denuncia o “abuso constante” destas “prácticas clientelares”
Nesta toma de pantalla pode observarse a María Belén Gómez Quevedo, á esquerda, co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e á dereita cun grupo de amizades.

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense sostén nun comunicado de prensa que “Manuel Baltar vén de gastar a dedo 10.300 euros nun libro dunha das integrantes da súa executiva no Partido Popular ourensán que, ademais, é reiteradamente candidata dos conservadores ao Congreso e amiga da súa familia. Nun novo alarde do caciquismo e amiguismo co que goberna a Deputación de Ourense, acordou este gasto a través dun contrato menor para o servizo de deseño maqueta e impresión da publicación Gómez Quevedo, Mª Belén: Ribeira Sacra. El pasado es presente”.

O presidente “ordena a tramitación como contrato menor ao amparo do disposto nos artigos 29.8 e 118” da Lei de Contratos do Sector Público, xustificando este gasto “para dar cumprimento á resolución do plan de publicacións” da institución provincial aprobado para o ano 2021. Sen embargo, segundo se desprende da documentación xustificativa que acompaña ao contrato menor, vense na obriga de incrementar o gasto previsto porque “tras coñecer o contido da obra, constátase que o orzamento indicado polo asesor Aurelio Gómez Villar” é “insuficiente”.

“A maioría das fotografías deberán ser retocadas e moitas delas substituídas”, indican. “Ademais, a publicación incorpora táboas que, na súa maior parte, deberán ser redeseñadas e integradas”, detallan os técnicos antes de concluír que “como consecuencia do exposto, a complexidade de produción é superior á que correspondería a un libro do mesmo volume de páxinas e texto na que non se tivesen que incorporar este tipo de traballos”. O traballo final deberá entregar un texto de “176 páxinas de Word” con fotografías, mapas, táboas e infografías que deberán “retocar”, “substituír” ou “reelaborar”.

“María Belén Gómez Quevedo é vicesecretaria xeral de turismo e termalismo do comité executivo do Partido Popular ourensán”

María Belén Gómez Quevedo é vicesecretaria xeral de turismo e termalismo do comité executivo do Partido Popular ourensán. Tamén forma parte, de forma reiterada, da candidatura ao Congreso pola provincia. Ademais, mantén unha amizade moi próxima co propio Baltar e a súa familia.

Desde o PSdeG-PSOE denuncian o “abuso constante” destas “prácticas clientelares” coas que “malgasta” cartos públicos de todos e todas “só en beneficio dos seus amigos e amigas dentro do PP”. Os socialistas cualifican este gasto como un “dispendio innecesario” que “evidencia” unha vez máis como o presidente ourensá “usa a Deputación Provincial como unha oficina sectaria de contratación e adxudicación, para favorecer unicamente os seus intereses persoais” e non “para o ben común”.

Os e as socialistas advirten, unha vez máis, de que van a estar “vixiantes” ante a inxente cantidade de cartos públicos “utilizados partidistamente de forma intencionada e reiterada” polo PP de Ourense, “comprometendo e manchando a imaxe das nosas institucións”. “Seguiremos a traballar sen descanso para protexer á histórica deputación destas prácticas clientelares”, conclúen.