Deputación de Ourense e Concello do Carballiño estudarán a reforma integral do balneario

A través da súa presentación aos fondos europeos Next Generation

O Carballiño | O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, acordaron estudar o encaixe da reforma integral do balneario nos fondos europeos Next Generation.

“Un proxecto cun investimento de 4 millóns de euros”

Un proxecto que cun investimento de 4 millóns de euros “suporá un paso máis na estratexia de apoio a un sector fundamental para a provincia como é o termal, neste caso ademais cunha longa tradición na comarca carballiñesa”, declarou Baltar trala reunión co rexedor na que tamén estivo presente o xerente do balneario, José Figuera.

O acordo entre a Deputación e o Concello do Carballiño, que inclúe a convocatoria de reunións técnicas a próxima semana, “inscríbese no ámbito da colaboración pública y privada -dixo o presidente provincial- pois nesta iniciativa tamén terá cabida a empresa que xestiona as instalacións”.

“Baltar situou este proxecto de relanzamento do balneario ‘non só no sector termal e na promoción turística, senón tamén nas iniciativas que desde o goberno provincial estamos a adoptar fronte ao reto demográfico”

Baltar situou este proxecto de relanzamento do balneario “non só no sector termal e na promoción turística, senón tamén nas iniciativas que desde o goberno provincial estamos a adoptar fronte ao reto demográfico, ofrecendo ao conxunto da comarca novas oportunidades de desenvolvemento, tan necesarias neste tempos”.

Un campo de actuación que, lembrou, “tamén estamos a impulsar na propia capital ourensá coa captación termal protexida que se realiza no Pazo provincial, coa intención de converter a este edificio no futuro gran balneario da cidade”.

Por estas razóns é tan importante, engadiu, “que exploremos a posibilidade de presentar o plan de reforma integral do balneario do Carballiño aos fondos Next Generation, para os que a Deputación ten posto en marcha unha estratexia de planificación e cooperación que permita achegar a Ourense o diñeiro procedente de Europa para reactivar canto antes a economía provincial”.

Dos 4 millóns de euros orzamentados para o proxecto, preto de 1,6 millóns estarán destinados á unha piscina cuberta climatizada no soto do edificio, cos seus respectivos servizos e instalacións, destacando tamén outras actuacións, entre elas na urbanización e peche exterior do recinto, nas tres piscinas descubertas e nos seus respectivos vestiarios, e no edificio que acolle a cafetería e o restaurante.