Deputación de Ourense celebrará en 2022 o bicentenario do goberno provincial

Cun amplo programa de actividades ao longo do próximo ano

Ourense | O 26 de maio de 2022 cumpriranse 200 anos do inicio da actividade do primeiro goberno provincial de Ourense, efeméride que a Deputación vai celebrar cun amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo do próximo ano.

Para iniciar estes preparativos, o presidente provincial, Manuel Baltar, reuniuse hoxe co profesor titular de Historia do Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Eduardo Cebreiros, membro dun equipo de historiadores de todas as comunidades españolas especializados no papel que desde a súa constitución veñen xogando os gobernos provinciais.

No encontro formuláronse algunhas propostas para a celebración do bicentenario, como seminarios de debate coa participación de expertos e ata unha exposición que mesmo podería ter carácter itinerante “para que a veciñanza de toda a provincia sexa consciente da importancia da Deputación, institucións liberais que teñen prestado nestes dous séculos importantes servizos á cidadanía e cuxa utilidade está fóra de toda dúbida”, afirmou Manuel Baltar.

“Unha institución, engadiu, ‘que á iniciativa desta presidencia e do actual goberno está disposta a principiar unha nova etapa na súa historia”

Unha institución, engadiu, “que á iniciativa desta presidencia e do actual goberno está disposta a principiar unha nova etapa na súa historia, poñendo a disposición do desenvolvemento termal de Ourense a súa actual sede”, en referencia ao gran hotel balneario da cidade no que se transformará o Pazo Provincial, logo de constatar que no seu subsolo existe auga mineromedicinal e caudal suficiente a unha temperatura de 41,6 graos para poñer en marcha unha instalación termal de referencia en Europa.