Deputación da Coruña investirá 2,3 millóns € na seguridade viaria

Nas estradas de Cabana, Ponteceso, Sobrado e Vedra
As obras foron aprobadas no pleno da Deputación.

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña aprobará no pleno deste 1 de outubro, un investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a mellora da seguridade viaria en tres estradas provinciais.

As obras permitirán construír dúas novas pontes, unha sobre o río Anllóns na plataforma que conecta Ponteceso e Cabana de Bergantiños e outra sobre o Mandeo, en Sobrado. Tamén se creará unha senda peonil de 700 metros na vía que vai da Gaiosa a Ponte Sarandón, en Vedra.

Con estes proxectos, a Deputación busca mellorar a seguridade en zonas que contan cun importante tránsito peonil e rodado debido á súa proximidade a núcleos de poboación. Á súa vez, mellorará o trazado de estradas que presentan actualmente puntos estreitos que dificultan a correcta convivencia entre vehículos e peóns.

“Con este importante investimento seguimos a acondicionar e renovar os máis de 2.100 quilómetros de vías provinciais mediante obras de mantemento, ampliación, reparación do firme e creación de novos espazos para os peóns e peoas que garantan a correcta coexistencia entre vehículos e camiñantes sen riscos, garantindo unha maior seguridade na rede de estradas provinciais”, sinalou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.

Máis de 1,4 millóns de euros para crear unha nova ponte sobre o río Anllóns
A Deputación fará unha importante achega de 1.409.124 euros para dotar á estrada DP-1405 de Pazos a Leas por Beres (que conecta Ponteceso e Cabana de Bergantiños) dunha nova ponte sobre o río Anllóns.

As actuacións consisten no derrubamento da estrutura existente para a posterior creación dunha nova que aumente a súa amplitude dos catro ata os sete metros.

A estrada contará con beiravías e beirarrúas, co fin de ofrecer un itinerario seguro tanto para os vehículos como as persoas que vaian a pé. Os accesos á ponte contarán cun ancho de 12 metros.

A nova ponte sobre o Mandeo, na estrada que vai de Cruces a Penablanca (Sobrado), permitirá igualar o ancho de toda a vía
As obras de ampliación da DP-8001 de Cruces a Penablanca, no concello de Sobrado, rematarán coa construción dunha nova ponte sobre o río Mandeo, que dará continuidade as actuacións previamente realizadas para mellorar esta plataforma e igualará o ancho da vía en todos os seus puntos.

Na actualidade, a ponte sobre o río Mandeo presenta unha sección inferior aos cinco metros, supoñendo un estreitamento da estrada no seu percorrido. Para solucionar esta situación, construirase unha nova estrutura que terá sete metros de ancho de calzada, que contará con beiravías e beirarrúa na súa marxe dereita. As actuacións contarán cun investimento provincial de 893.873 euros e incluirá a sinalización dos accesos á ponte.

A veciñanza de Vedra contará cun novo itinerario peonil na estrada que vai da Gaiosa a Ponte Sarandón
A Deputación dedicará 225.102 euros á creación dunha senda peonil na DP-8901 da Gaiosa a Ponte Sarandón, no concello de Vedra. O itinerario contará cunha lonxitude de preto de 700 metros. A ruta discorrerá desde o punto quilométrico 2+500 e 2+640 pola marxe dereita e entre o 2+640 e o 3+170 por ambas as dúas marxes.

O pavimento executarase con mestura bituminosa en quente. As tarefas tamén incluén a disposición de aparcadoiros nalgúns tramos e a instalación de conducións de pluviais.