Deputación da Coruña e PuntoGal asinan convenio para observatorio da rede

Cunha achega de 29.000€ por parte da institución provincial

Deputación da Coruña | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o seu homólogo de PuntoGal, Manuel González González, e a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, asinaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial contribuirá con 29.000 euros á creación do Observatorio PuntoGal da rede por parte da xestora do dominio. A sinatura realizouse de xeito presencial na sede da Deputación

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, “o Observatorio PuntoGal centralizará, nunha páxina web creada para este fin, información sobre o uso da rede en Galicia, desde unha perspectiva técnica pero tamén sociolóxica”. Como xestor dun dominio de primeiro nivel e como parte da industria da rede, PuntoGal conta cos datos e ferramentas que lle permitirán analizar múltiples variables, aínda que se fará un especial fincapé na situación da lingua galega. “Entre outras cuestións, este acordo permitiranos coñecer datos detallados e precisos sobre a presenza de Galicia e do uso do galego en internet, cun proxecto innovador”, afirmou Formoso.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que “O dominio .gal foi concibido entre outros obxectivos como un axente para impulsar a presenza de Galicia na Rede, e de maneira moi especial como un motor de normalización da lingua e da cultura galega, fomentando o uso do galego en Internet e servindo de escaparate que lle dea visibilidade universal”.

Igualmente, apuntou que “é necesario facer un seguimento do uso de Internet en Galicia e analizar de maneira continuada a presenza da nosa lingua no Ciberespazo, porque o nivel de uso do galego en Internet é un termómetro bastante fiable do seu grao de saúde. Felicitámonos por facer realidade esta iniciativa do Observatorio PuntoGal que mediante a sinatura deste convenio poñemos en marcha a Asociación Puntogal e a Deputación da Coruña, a quen quero agradecer a súa sensibilidade para decatarse da importancia deste Observatorio”.

PuntoGal, que supera os 6.500 dominios rexistrados, asume así o cometido de “activar un proxecto de referencia para a rede galega. O observatorio buscará poñer en destaque os datos de presenza da lingua, a cultura ou o tecido empresarial na internet”, en palabras do seu director, Darío Janeiro.

O proxecto inicial desenvolverase entre os anos 2022 e 2023, terá un orzamento total de máis de 40.000 euros e permitirá “ter unha visión clara e precisa, cun nivel de detalle inédito ata hoxe, da riqueza e a diversidade da rede en Galicia e, tamén, da provincia da Coruña’, concluíu Janeiro. O Observatorio ten vocación de continuidade en anos seguintes, coa incorporación de novas métricas que axuden a facer un mapa da rede galega.

O Observatorio PuntoGal forma parte do programa corporativo de iniciativas arredor das TIC e a lingua que mantén o dominio. Nesta liña figura o apoio a proxectos como o certame Spin-Off PuntoGal, o concurso de relatos coa RAG, a colaboración coas seleccións galegas de fútbol gaélico, o patrocinio de contidos en galego na rede ou a colaboración co Museo do Pobo Galego, por citar só algúns casos.

Axudas para proxectos medioambientais
A Deputación da Coruña dará apoio a 30 proxectos para o desenvolvemento de actividades e investimentos no ámbito medioambiental no 2022 con dúas liñas de axuda dotadas, en total, dun orzamento de 275.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar hoxe a concesión provisional destas subvencións, que van dos 1.000 aos 15.000 euros por entidade beneficiaria. A través destas achegas fináncianse proxectos como: campos de voluntariado de educación medioambiental, brigadas deseucaliptizadoras, ‘Defende o mar a través do surfing’, ‘Microscopia micolóxica’, ou custodia do territorio e educación ambiental.

Por unha banda, no apartado de investimentos, a Deputación destinou 100.000 euros para financiar a adquisición de aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, maquinaria, ferramentas, mobiliario ou elementos de transporte.

Pola outra banda, invistíronse 175.000 euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos de actividades no eido medioambiental financiando con este orzamento os bens e equipamento para levar a cabo acción, alugueres e cánones, traballos realizados por empresas, primas de seguros para as persoas que participen, publicidade, soldos, Seguridade Social e desprazamentos.

O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, subliñou que “nun contexto como o actual, estas subvencións contribúen ao coidado do planeta, co fin de defender o medio ambiente e protexer e mellorar a calidade de vida das persoas”. O deputado provincial destacou a implicación e compromiso “que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030”.

Acceso ás resolucións provisionais publicadas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/08/25/2022_0000005230.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/08/25/2022_0000005231.pdf