Deputación da Coruña colabora coa Fundación Paideia no voluntariado social dos mozos europeos

Unha iniciativa que beneficiará a 400 mozas e mozos

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña e a Fundación Paideia continúan un exercicio máis impulsando o voluntariado social en países europeo mediante un programa dirixido á mocidade desempregada da provincia. O ente provincial apoia á entidade a través do financiamento das actividades formativas e informativas do programa.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galicia, rubricaron esta mañá convenio, a través do que a Deputación da Coruña achegará 17.000 euros, o 70% do custo total da iniciativa.

No 2021 participaron neste voluntariado un total de 690 mozos e mozas coruñeses de entre 18 e 30 anos. Neste exercicio, a iniciativa volverá a achegar a 400 mozos e mozas a oportunidade de saír ao estranxeiro para mellorar as súas competencias persoais e profesionais. Como novidade, farase especial fincapé nas zonas rurais da provincia.

O programa consta de tres fases, a primeira delas conformada por actividades formativas e de contextualización que proporcionarán información técnica e práctica previas á saída dos e das participantes.

A segunda, a execución do proxecto e a terceira e última, ao regreso,explicará as posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia.

O periodo de voluntariado vai desde os 6 aos 12 meses de duración. “O voluntariado social non só contribúe a abrir novos marcos e perspectivas vitais, senón que tamén potencia o espírito emprendedor”, destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que tamén sinalou que “este tipo de accións contribúen a promover unha cultura participativa e solidaria. É unha experiencia única para as mozas e mozos participantes”, afirmou.