Deputación da Coruña aprobou máis de 1,7 millóns € para estradas provinciais

En San Sadurniño, Ponteceso, As Pontes, Oleiros, Muxía e Trazo
Os investimentos foron aprobados en pleno da Deputación.

Deputación da Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe importantes investimentos por máis de 1,7 millóns de euros para levar a cabo obras de mellora da seguridade viaria en estradas da rede provincial nos municipios de San Sadurniño, Ponteceso, As Pontes, Oleiros, Muxía e Trazo.

As obras permitirán crear novos espazos para os peóns a través da creación dunha senda peonil de un quilómetro e medio en San Sadurniño (DP-7602), construír unha rotonda que permita canalizar o tráfico de forma máis eficiente na estrada de Muxía a Touriñán (DP-5201) e renovar o firme da DP-6805 en Ponteceso.

Así mesmo, levarase a cabo o acondicionamento de vías municipais no concello de Trazo afectadas polo desvío do tráfico ante as obras para dotar á DP-7804 dunha nova ponte sobre o rego Gatofero.

O pleno tamén aprobou o incremento presupostario de dúas obras. O primeiro permitirá sumar 137.815 euros ao proxecto para ampliar a plataforma e mellorar o trazado na estrada DP-1802 de Veiga de Cabana ás Pontes, e o segundo aumentará en 114.134 euros o financiamento para incluír un novo colector de pluviais na estrada DP-5811 de Oleiros a Coruxo de Arriba (Oleiros).

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que coas actuacións sinaladas “seguimos a traballar para acondicionar, renovar e adaptar ás necesidades actuais da poboación as nosas estradas provinciais, para facer da rede viaria provincial un lugar máis seguro para o tráfico rodado e para os peóns”, argumentou.

A DP-7602 contará cunha nova senda peonil de 1,5 km ao seu paso por San Sadurniño
Entre os investimentos aprobados no pleno, destacan os máis de 610.212 euros que se destinarán a ampliar a estrada DP-7602 da Feira de San Sadurniño a Riboira.

As actuacións permitirán anchear a plataforma dos catro aos seis metros e medio cunha pavimentación que se levará a cabo cunha mestura bituminosa en quente.

As tarefas servirán tamén para dotar á vía dunha senda peonil de un quilómetro e medio de longo e preto de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda desde o punto quilométrico 0+100 a 0+930 e pola marxe dereita desde o 0+940 a 1+600.

Estas melloras permitirán o axeitado cruce de vehículos e unha seguridade de circulación maior para os peóns e peoas entre o núcleo de San Sadurniño e o de Riboira.

A Deputación dedica 425.082 euros para construír unha rotonda e mellorar a estrada de Muxía a Touriñán
Dentro do plan de investimentos en vías provinciais tamén se inclúen as obras a realizar na DP-5201 de Muxía a Touriñán a través das que se mellorará a capa de rodaxe ao longo de dous quilómetros e medio de estrada.

As tarefas, que contan cun presuposto de 425.082 euros, dotarán á plataforma dunha rotonda na intersección que conecta coa estrada municipal (que conecta cos lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño) e, á súa vez, coa estrada provincial DP-2303. Esta nova infraestrutura permitirá canalizar o tráfico dunha forma máis efectiva e incrementar a seguridade viaria da contorna.

Ponteceso verá renovados máis de dous quilómetros e medio de firme na DP-6805
A estrada provincial DP-6805 de Campara a Pazos, no municipio de Ponteceso, contará cun novo firme para garantir unha maior seguridade dos vehículos que discorren pola vía. Así pois, trataranse 2,2 quilómetros de plataforma cunha capa de regularización de espesor variable e unha capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente.

As tarefas contan cun presuposto de 303.583 euros. Estas permitirán tamén renovar a sinalización horizontal e vertical así como a colocación dunha barreira metálica de seguridade.

Acondicionamento de estradas municipais do concello de Trazo
O pleno do ente provincial deu luz verde ao acondicionamento de estradas municipais de Trazo afectadas polo desvío do tráfico ante as obras para dotar á DP-7804 dunha nova ponte sobre o rego Gatofero. A iniciativa contará cun presuposto provincial de 142.721 euros.

As vías afectadas non estaban preparadas para soportar o tránsito de vehículos derivado das tarefas de mellora de seguridade mencionadas, polo que a Deputación actuará en ditos camiños para reparar o firme existente.

Así, aplicarase un tratamento superficial no tramo entre Ponte Albar e Chaián (2,4 km) e de mestura bituminosa en quente no de Chaián e o río Tambre (1,3 km).