Deputación da Coruña acusa á Xunta de “faltar á verdade” sobre axudas á hostalaría

Reacción tralo anuncio do vicepresidente Alfonso Rueda dun “fondo de cooperación”

A Coruña | A Deputación da Coruña considera que a Xunta de Galicia “falta á verdade” ao soster que apoiou á hostalaría en solitario e considera que os plans de axudas da administración autonómica “chegaron tarde, cando as entidades locais xa tiñan activados plans de axudas por importe de varios millóns de euros para os sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia”.

No caso concreto da Deputación da Coruña, en 2020 fixo un esforzo económico sen precedentes para pór en marcha, en colaboración cos concellos, axudas por 15,5 millóns de euros, dos que 3 millóns se destinan a complementar os plans de apoio á hostalaría e comercio das grandes cidades: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, que nalgúns casos xa traballan en novas convocatorias dos mesmos.

En total as administracións locais da provincia da Coruña puxeron preto de 28 millóns de euros en axudas e foron as primeiras en reaccionar á crise económica que a Covid-19 supón para as pequenas empresas e autónomos da provincia.

A colaboración como método de traballo
Desde o comezo da pandemia hai un ano, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén reclamando colaboración e coordinación das liñas de axudas das diferentes administracións para a reactivación económica co obxectivo de que sexan máis efectivas e cheguen a todos os que as necesitan. Un chamamento que o presidente do ente provincial expresou en reiteradas ocasións e do que a Xunta sempre fixo caso omiso.

Onte, tras unha reunión cos hostaleiros, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un “fondo de cooperación” no que estipulaba porcentaxes concretas de participación das deputacións e os concellos sen reunirse nin consultalo previamente coas entidades locais, que xa están desenvolvendo os seus propios plans de axudas.

A Deputación da Coruña considera que bo parte dos retrasos no cobro das axudas vén dado precisamente porque a Xunta non asumiu as súas competencias e non liderou a necesaria coordinación de todas as administracións galegas, o que ocasionou que cada administración local puxera en marcha liñas diferentes.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!