Deputación da Coruña abriu o prazo para solicitar as axudas a actividades de promoción económica

Cun orzamento total de 450.000€

Deputación da Coruña |A Deputación da Coruña abriu este 13 de abril, o prazo para que entidades sen ánimo de lucro soliciten as axudas para a realización de actividades de promoción económica neste 2021.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a convocatoria do programa, que conta cun investimento total de 450.000 euros. Este diríxese a entidades sen ánimo de lucro tales como colexios e asociacións profesionais; cámaras de comercio; entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; e asociacións de veciños e veciñas e de mulleres rurais.

As contías das subvencións oscilan entre un mínimo de 1.200 euros e un máximo de 28.000 euros, que se dedicarán ao financiamento dos custos de organización de actividades como congresos, exposicións, talleres, xornadas, estudos e seminarios; festas de recoñecido interese turístico e feiras de artesanía e exaltación de produtos típicos da zona; iniciativas de difusión e animación do comercio local; e apoio ás liñas de comercialización e promoción dos produtos de calidade.

O deputado de Promoción Económica, Blas García, destacou o importante apoio que a Deputación ofrece con este programa de axudas, que se suma ás subvencións ao investimento para a promoción económica, que contan con 300.000 euros. “Con estas subvención pretendemos impulsar o emprego e dar apoio a sectores como o hostaleiro ou o do comercio, moi afectados pola crise xerada pola pandemia”, indica.

O prazo para solicitar as subvencións abrirá mañá, 13 de abril, e rematará ás 14:00 horas do 14 de maio de 2021. As propostas deberán presentarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

Aberto ata o 26 de abril de 2021 o prazo para presentarse ás axudas a investimentos para a promoción económica

A Deputación ten aberta ao mesmo tempo unha liña destinada ás entidades sen ánimo de lucro sinaladas con anterioridade para a realización de investimentos para a promoción económica.

Estas contan cun investimento total de 300.000 euros e permitirán ás entidades beneficiarias levar a cabo accións como a reforma e mellora de locais sociais; adquisición de mobiliario ou equipamento informático; actuacións de saneamento, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños ou iluminación pública; ou investimentos na hostalaría e o comercio para adaptalos á normativa vixente en materias como accesibilidade, equipamentos contra incendios ou instalacións eléctricas, entre outras.

O prazo para presentar estas solicitudes estará aberto ata as 14:00 horas do 26 de abril de 2021. Os trámites deberán realizarse tamén vía telemática a través da plataforma SUBTeL.