Deputación da Coruña abriu o prazo para as axudas de promoción económica

Cunha liña de investimentos de 300.000€

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña abrirá mañá o prazo para que entidades sen ánimo de lucro da provincia poidan solicitar as axudas a investimentos de promoción económica neste 2021.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a convocatoria do programa, que conta cun investimento total de 300.000 euros. A liña de subvencións vai dirixida a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, entre as que se atopan: colexios profesionais, cámaras de comercio, asociacións de veciños e veciñas, agrupacións de mulleres rurais e entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial.

As contías a outorgar, que oscilan entre un mínimo de 1.200 euros e un máximo de 28.000 euros, permitirán ás entidades sinaladas levar a cabo accións como a reforma e mellora de locais sociais; adquisición de mobiliario ou equipamento informático; actuacións de saneamento, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños ou iluminación pública; ou investimentos na hostalaría e o comercio para adaptalos á normativa vixente en materias como accesibilidade, equipamentos contra incendios ou instalacións eléctricas, entre outras.

O deputado de Promoción Económica, Blas García, destacou o importante apoio que a Deputación ofrece con estas liñas de axuda, coas que pretende impulsar a creación de emprego e apoiar a sectores como a hostalaría e o comercio. “Unhas axudas importantes xa de por si, pero máis se temos en conta o contexto no que nos atopamos, sendo os sectores da hostalaría e o comercio uns dos máis danados pola crise sanitaria”, incidiu.

O prazo para presentar solicitudes abrirá este venres 19 de marzo, e finalizará ás 14:00 horas do 26 de abril de 2021. Os trámites deberán realizarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!