“Depo Auga” pola ría de Vigo e a Illa de San Simón

Unhas 100 persoas sumáronse a esta iniciativa

Pontevedra | O programa provincial “Depo Auga”, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, péchase esta fin de semana no concello de Redondela, con percorridos pola Ría de Vigo e a Illa de San Simón os días 29 e 30 de xullo. A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 4 quilómetros a través do que se poderá ver o monumento ao capitán Nemo, as illas de San Simón e San Antón e fotografar a ponte de Rande desde unha perspectiva única.

O roteiro, dunha hora de duración, partirá da praia de Cesantes, en Redondela, e percorrerá a enseada de San Simón, situada na Ría de Vigo e pertencente á Rede Natura 2000, importante pola súa biodiversidade debido á gran presenza de bivalvos e numerosas especies de aves. En total, ao longo da fin de semana daranse cita 32 persoas que se repartirán en 4 quendas: dúas o sábado e outras tantas na xornada do domingo.

Esta é a terceira e última das saídas de “Depo Auga”, programa que se enmarca dentro de “Depo Actívate”, o calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación ata o mes de outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Antes desta ruta desenvolvéronse outras dúas: unha pola Illa de Tambo, no mes de xuño, e outra polo río Verdugo e as Salinas de Ulló, a principios deste mes, nas que participaron ata 64 persoas.

“Bosques terapéuticos” en Cerdedo-Cotobade e Silleda
O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Cerdedo-Cotobade e Silleda con dúas novas rutas nas que se mestura natureza, cultura, historia e saúde. O sábado, 29 de xullo, terá lugar un percorrido pola contorna da ponte colgante do Lérez e o domingo 30 de xullo pola fervenza do Toxa.

O itinerario da ponte colgante do Lérez, de 2,5 quilómetros de lonxitude, desenvólvese por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar dos baños de bosque. Trátase dun espazo que posúe unha das concentracións de petróglifos da Idade do Bronce máis asombrosa de Europa.

O espazo natural coincide con coñecidos coutos pesqueiros do río e algúns afluentes como o Almofrei. Ademais existen numerosas áreas recreativas fluviais e traxectos por paisaxes de pontes e muíños neste val que foi incluído na Rede Natura 2000.

Por outra banda, a ruta pola fervenza do Toxa, que transcorre pola parroquia de Pazos, en Silleda, amosa esta contorna de gran beleza na que vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar unha obra mestra da natureza. Os 30 metros de caída do río Toxa complétase cun bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis.

Ao longo do mes de agosto terán lugar as últimas rutas deste ano do programa “Bosques Terapéuticos”, todas elas con prazas esgotadas. Comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.