
Sanxenxo | A través dun comunicado, María del Carmen Camiña Vázquez (Mari Camiña), Presidenta da Asociación Fulgor do Monte Faro–Sanxenxo, fixo pública a súa preocupación pola situación que vive actualmente Monte Faro e pola falta de resposta das administracións ante os feitos denunciados durante as últimas semanas.
O pasado 7 de maio solicitouse información á Xunta de Galicia sobre os traballos forestais que se estaban desenvolvendo na zona. Desde entón, presentáronse escritos, denuncias e ampliacións documentais ante a Consellería do Medio Rural, o SEPRONA, Patrimonio Cultural e o Concello de Sanxenxo, achegando fotografías, vídeos, referencias catastrais e denuncias de persoas propietarias afectadas.
Máis dun mes despois, seguimos sen coñecer actuacións públicas proporcionadas á magnitude do que está a ocorrer sobre o terreo.
As visitas realizadas por membros da asociación permitiron documentar a eliminación de arborado, danos en parcelas privadas, destrución ou alteración de marcos delimitadores, rodeiras provocadas pola maquinaria pesada, afeccións a camiños e a permanencia de grandes cantidades de restos forestais abandonados sobre o monte.
Pero a preocupación vai moito máis alá dos danos xa producidos. Monte Faro é un dos espazos naturais, paisaxísticos e patrimoniais máis singulares de Sanxenxo. No seu ámbito localízanse grupos tumulares e outros elementos arqueolóxicos catalogados que forman parte da nosa historia colectiva. Por este motivo tamén se puxeron os feitos en coñecemento das autoridades competentes en materia de patrimonio cultural.
Resulta difícil comprender que nun enclave destas características, e despois das numerosas comunicacións realizadas, non exista a día de hoxe unha resposta pública clara que permita coñecer que se fixo, que se está investigando ou que medidas se van adoptar para protexer o territorio.
A situación é especialmente preocupante porque Monte Faro afronta o inicio do verán con importantes acumulacións de restos de corta e biomasa sobre o terreo. Mentres as temperaturas aumentan e o risco de incendio se incrementa día tras día, os restos continúan alí onde quedaron tras os traballos realizados.
A Asociación Fulgor do Monte Faro non pretende substituír ás administracións nin anticipar conclusións que corresponden aos organismos competentes. O que reclamamos é algo moito máis básico: inspeccións, transparencia, información e protección efectiva dun espazo que forma parte do patrimonio natural, histórico e emocional de Sanxenxo.
Porque o que está en xogo xa non son só unhas parcelas concretas nin uns traballos forestais determinados. O que está en xogo é a conservación dun territorio singular e a confianza da cidadanía en que as institucións actuarán cando existen denuncias reiteradas, propietarios afectados e riscos evidentes que demandan unha resposta.




