Democracia Ourensana gobernará en solitario o Concello de Ourense

O alcalde Jácome retíralles as competencias aos concelleiros do PP

Ourense | O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome retiroulles as competencias delegadas a todos concelleiros do PP que formaban parte do goberno municipal e o grupo de Democracia Ourensana gobernará en solitario o Concello.

Así o anunciou Pérez Jácome, logo de que os concelleiros do PP Jorge Pumar, secretario local do PP na cidade, e Flora Moure, portavoz do grupo municipal, non acudisen á cita convocada polo alcalde para que reafirmasen o compromiso de continuidade do PP no goberno local.

O alcalde considera “intolerable” que desde o PP se puxese en dúbida a continuidade do pacto de goberno e que os concelleiros non acudisen á cita convocada na Alcaldía para clarificar a situación. O “plantón”, dixo o rexedor, é “a gota que colma o vaso”. “O Concello non pode xogar aos tempos que marquen os intereses electorales do PP”, manifestou.

O alcalde retiroulles as competencias de goberno que lles foran delegadas aos concelleiros e concelleiras do PP. Tampouco participarán nas xuntas de goberno e lles retirará dedicacións exclusivas.

“A ruptura é taxante”, concluiu Pérez Jácome, quen avanzou que Democracia Ourensana gobernará en solitario o Concello, e que o fará “mellor”: “Ourense está en marcha e non o podemos frear polos intereses doutro partido que está facendo como o cabalo de Troia. Seguiremos gobernando a cidade os catro concelleiros de Democracia Ourensana, e o faremos moito mellor”.

O alcalde comparou o mandato municipal cunha carreira de 1.500 metros, con catro voltas, para explicar: “estamos na última volta da carreira de 1.500, quedan 10 meses, onde se vai definir todo, e imos demostrar do que somos capaces. Imos dar o mellor de nós para que Ourense poida estar onde se merece, e o imos conseguir”, asegurou.

O alcalde asinou o novo decreto de delegación de competencias nos concelleiros do novo goberno municipal, entre os que xa non figura ningún do PP. O alcalde asume provisionalmente as competencias que os edís do PP tiñan delegadas até agora.

Tamén asinou o decreto no que nomea integrantes da xunta de goberno local, que serán o propio alcalde e os tres concelleiros de DO: Armando Ojea Bouzo, Antonio Fernández Martín e Telmo Manuel Ucha Álvarez. Na foto, a xunta de goberno con concelleiros de PP e DO.