Demandan que os GES pasen a ser xestionados polas Deputacións

Petición da Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia

Deputación da Coruña | O deputado responsable da área de Emerxencias da Deputación da Coruña, Blas García, reuniuse co presidente da Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA), Antonio Miguel Barros, que agradeceu “a boa sintonía coa Deputación para atender as principais reivindicacións profesionais do noso colectivo”. Na reunión participaron tamén Fabián González e Diego Ibáñez.

A xuntanza enmárcase na rolda de reunións que a nova directiva da entidade está a manter coas diferentes administracións implicadas no financiamento e xestión dos GES.

O presidente de AGESGA destacou que unha das principais reivindicacións do colectivo é que sexan as deputacións as que xestionen os GES. “Actualmente dependemos orgánica e funcionalmente dos concellos, o que nos leva a facer determinadas labores coma as rozas forestais que moitas veces se circunscriben só ao concello no que se ubica a base e non ao ámbito de actuación e que nada teñen que ver coas emerxencias, o que incide negativamente no tempo de resposta en caso de producirse unha emerxencia”.

“O presidente de AGESGA destacou que unha das principais reivindicacións do colectivo é que sexan as deputacións as que xestionen os GES”

Barros considerou que os GES deberían facer labores de vixiancia das franxas secundarias de protección (as que dependen dos concellos) no ámbito comarcal, pero as rozas deberían ser efectuadas por brigadas forestais ou medioambientais.

O presidente de AGEGA trasladou ademáis á Deputación outras demandas do colectivo coma a creación dunha bolsa única de substitucións para cubrir baixas e vacacións do persoal, a necesidade de establecer comunicación vía radio cos parques de bombeiros comarcais cos que con frecuencia deben coordinarse na atención das emerxencias ou a necesidade de contar con suficientes medios persoais e materiais para desempeñar o seu traballo.

O deputado provincial Blas García comprometeuse a levar as súas reivindicacións á comisión de seguemento dos GES, integrada pola Xunta de Galicia, as catro deputacións galegas e a Fegamp, dado que o convenio actual que regula a actividade dos GES remata a final do presente ano 2021.

Ademáis, García destacou a necesidade de “facer unha revisión e modificación da Lei de Emerxencias de Galicia, posto que a actual demostra que non está a ser efectiva”.