‘Degusta Europa’ chega ao seu fin na Guarda

Programa gastronómico impulsado pola Deputación de Pontevedra

A Guarda | Despois de recalar nos mercados das vilas do Grove, Mondariz, Pontevedra, Gondomar e Vigo, o programa “Degusta Europa” da Deputación de Pontevedra puxo o broche de ouro a esta edición na súa última cita, que tivo lugar no mercado municipal da Guarda.

Alí, a veciñanza e os traballadores e traballadoras do mesmo puideron gozar dun menú baseado en pratos de países como Francia, Italia, Suíza, Grecia, Dinamarca, República Checa, Holanda, Bélxica ou Irlanda pero elaborados con produtos quilómetro cero que se poden atopar no día a día nos mercados como o da Guarda. A esta cita coa gastronomía europea non quixeron faltar, ademais, o deputado Carlos Font e as concelleiras da Guarda Mª Monsterrat Magallanes e Fátima Rodríguez.

O menú do mercado da Guarda, que foi elaborado polo alumnado de hostalería do CIFP Manuel Antonio de Vigo dirixido por membros do profesorado do centro, estivo composto por petiscos e tapas como cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada, risotto cremoso de grelos con espeto de galiña; esfiado de porco a baixa temperatura en plan de pita; bucle de calamar crocante sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo; enreixado de cabelos de anxo; melindres e torta das Rías Baixas. Tampouco faltou un cóctel elaborado a base de vermú de orixe galego, que contribuíu tamén a poñer en valor os produtos de proximidade.

Desta maneira, na súa sexta cita co pública de Pontevedra, “Degusta Europa” chega ao seu fin por este ano despois de servir máis de 7.000 tapas, petiscos e bebidas nos mercados que participaron este ano na provincia. Foron os alumnos e alumnas dos CIFP Carlos Oroza (no Grove, Mondariz e Pontevedra) e do CIFP Manuel Antonio (en Gondomar, Vigo e A Guarda) os encargados de elaborar e servir os menús nos mercados.

Este programa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no ano 2016 e que nas pasadas edicións xa recorreu os concellos de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Pontevedra, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo, naceu co obxectivo de conmemorar o Día de Europa, que se celebra cada ano o 9 de maio para poñer en valor o que significa pertencer á Unión Europea e os valores que integra. Despois de celebrarse en liña no ano 2020 por mor da pandemia a través de receitas das escolas de hostalería de Pontevedra e de vídeos de cociñeiros e cociñeiras de gran prestixio da provincia, neste 2022 volveu á presencialidade cun grande éxito de público.

O monte Santa Trega amplía a oferta de visitas guiadas
O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Monte Santa Trega para que os visitantes e veciños podan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.

Neste ano 2022 recuperase a ampla oferta de visitas guiadas comezando xa no mes de xuño e rematando no mes setembro. Os meses de xuño e setembro adoitar ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que as visitas guiadas regulares nestes meses serán os fins de semana con dous horarios (12:00 e 18:00h)

Ademais a oferta das visitas amplíase nos meses de maior afluencia, xullo e agosto, con visitas de martes a domingo e 4 visitas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h), Polo que a oferta de visitas guiadas amplíase para que todos os visitantes interesados teñan a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe.

Este ano as visitas guiadas estarán centradas no Castro de Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega. Para ofrecer unha visión máis amplla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina, o concheiro,…

As prazas seguen a estar limitadas polo que se precisa de inscrición previa no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público. A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.