Coñecín a Xaime Seixas Subirach, o xesuita que acababa de chegar da república dominicana, en maio de 1965. El foi quen me entregou os “Dez Puntos”, principios fundacionais da UPG, da que cheguei ser cualificado dirixente. Xaime militara nos Ultreia, organización nacionalista xuvenil fundada por Álvaro das Casas en 1932.
A súa estadía na República Dominicana déralle a oportunidade de colaborar coa oposición ao dictador Trujillo. O seu nacionalismo galego e compromiso cos movementos de liberación do continente americano arrequeceron o seu perfil ideolóxico. É importante coñecer esta circunstancia para comprendermos o ideario ideolóxico de Seixas na proximidade, moi distinta da visión que algúns biógrafos divulgaron edulcodorando o seu pensamento ata o punto de calificalo como “home santo”. Diso nada!. Seixas aceptaba como válidas todas as formas de loita para que os pobos oprimidos, incluída Galicia, puidesen acadar a súa liberación. Del aprendín esa lección que motivou a miña militancia nacionalista. Pero disto poderemos falar noutra ocasión.
Rematado o Concilio Vaticano II, o “aggiornamento” abríu as portas para que o catolicismo se inculturizase en cadansúa lingua. Seixas foi un militante adiantado en Galicia, poñendo en práctica aquel aperturismo. O 25 de xullo, a chamada “misa de Rosalía”, que desde había ben anos celebrabase en castelán na igrexa de San Domingos de Bonaval, oficiouse por primeira vez en galego. Seixas, foi o oficiante; e eu o acólito que presenciaba atónito desde o prebisterio aos vellos galeguistas asistentes. Daquel suceso van aló sesenta anos!.
En Vigo, Seixas formou un grupo de laicos para dinamizar os oficios relixiosos en lingua galega. Ao fronte deles estaba o boticario Domingo Fernández del Riego, que todos os xoves, rematada a xornada laboral, celebraba na rebotica unha tertulia á que asistían un grupo de galeguistas cristiáns. Eu, con dezaseis anos tiven a sorte de participar naqueles conciliábulos. Mais por pouco tempo, porque grazas ao influxo das lecturas de decenas de libros marxistas que Xosé Neira Vilas me enviaba a través da embaixada cubana en Madrid, arredeime do catolicismo con fundamentos científicos.
Pero son testemuña daquel esforzo de Seixas por galeguizar a fe católica. Por mediación do doutor Dario Álvarez Blázquez, que era médicos dalgunhas institucións de beneficencia, dirixidas por monxas, puídéronse utilizar as igrexias do Asilo de Anciáns e as Trinitarias en Vigo, iso si, co acoso sistemático do bispo. Lembro como aquel sibarita, “Fray José López Ortíz”, bispo da diocese de Tui-Vigo, “príncipe de la Iglesia” como gustaba que o denominasen, acosou a Seixas enviando mesmo a Brigada Político-Social da Comisaría de Vigo ( Waldo López Mazaira, (a) “A Pita de Pesqueiras”, París, Pardavila (a) “A Cotovía”, Pastor e Mosquera) que entraron na sancristía intimidatoriamente, comunicándolle que tiñan orde do Bispo “de llevarlo detenido a Comisaria, así como está revestido, en caso de persistir en la intención de oficiar la misa en gallego”.
“Son testemuña daquel esforzo de Seixas por galeguizar a fe católica”
Seixas, que viña bregado da loita política contra o réxime de Trujillo, díxolles, sen medo, que xa que o bispo lle impedía misar en galego, faríao en latín, pero nunca en castelán. “Este rapaz -sinalándome a min- lerá certas preces en galego”. Asi foi. Eran curiosas aquelas celebracións litúrxicas ás que acudíamos un número pequeno de participantes. As presións de López Ortiz obrigaron ás monxas do Asilo a impedir o uso da súa igrexa. As Trinitaria tiveron a mesma resposta: “Don Dario, nosotras debemos obediencia al Sr. Obispo”. Sobre estes acosos da xerarquía da Igrexa e da inmensaria maioria dos cregos -desestores do arado, que así foron calificados- tense escrito moito.
Hoxe traio a este espazo estas lembranzas vividas por mín, cando loitar pola normalización da lingua galega nos actos litúrxicos, malia a autorización de Roma, tiñan consecuencias por mor da represión exercida pola autoridades relixiosas e o brazo executor da policía política do réxime franquista. A figura do doutor Dario Álvarez Blázquez, creador dunha saga familiar galeguista, comprometido coa loita antifranquista, será recordada proximamente nunha homenaxe que prepara a Irmandade da Sanidade Galega na súa cidade natal de Tui, contando coas colaboracións do Concello e Xunta de Galicia. Será unha nova oportunidade para poñer en valor o exercicio da medicina cos valores do humanismo e o galeguismo.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.