Danos rexistrados na subzona de Amandi, na Ribeira Sacra

Cepas afectadas polo pedrazo rexistrado en Sober

Sober | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, desprazouse ao Concello de Sober para coñecer de primeira man os danos ocasionados nas vides tras o pedrazo rexistrado na zona o pasado domingo.

Con el estaban o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Casares, técnicos da Oficina Agraria Comarcal de Monforte de Lemos, o presidente da denominación de orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández. Segundo apuntou Cabarcos, os técnicos da Evega e da OAC estanse encargando de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Así, os técnicos da Xunta recomendan aplicar desde este xoves e ata o vindeiros sábado 4 de maio -dada a favorable previsión meteorolóxica- diversos produtos fitosanitarios protectores co fin de evitar máis danos. Así mesmo, na medida do posible, tamén recomendan realizar a poda en verde das cepas, rebaixando a lonxitude dos gromos máis desenvolvidos en aproximadamente 1/3 da súa lonxitude.

Neste senso, cabe sinalar que os técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie dunhas 11,5 hectáreas as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, noutras 74,8 hectáreas adicionais. Con todo, o director apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifeste o total dos estragos.

Así, José Luis Cabarcos comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nesa dirección, facilitou o número de teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte, para que os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento. Tamén sinalou que estas recomendacións fitosanitarias serán enviadas á oficina agraria comarcal de Castro Caldelas, por proximidade tamén ás zonas afectadas, cuxo número de teléfono é o 988 788 827.

Seguros agrarios
Doutra banda, cabe sinalar que a Xunta convocou en xaneiro as axudas para fomentar os seguros agrarios. Así, estas achegas, que teñen como finalidade fomentar a contratación das pólizas agrarias, contan cun orzamento neste 2022 de 7 millóns de euros, un 17% máis que o orzamentado o ano pasado.

Nesa liña, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria insistiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. Así, coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros -engadiu- perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o rexistrado, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.

O prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. Así, a Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e de liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano.

Outros artigos