Daniel Camino Barral, gañador do concurso de carteis da XLIII Feira do Viño de Amandi

A feira será os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril

Sober | O Concello de Sober vén de fallar o concurso do cartel que anunciará a XLIII Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril, coincidindo como é habitual co fin de semana do Domingo de Ramos.

O mozo, natural de Arzúa e residente en Monforte de Lemos, Daniel Camino Barral foi o gañador do certame, no que este ano participaron preto de 30 persoas con orixinais chegados desde diferentes puntos do Estado.

Daniel Camino é deseñador gráfico e próximamente abrirá un estudo en Monforte. Gañou en dúas ocasións o certame de carteis da Feira do Queixo de Arzúa e foi finalista noutros concursos, como o dos San Fermíns de Pamplona, o do Festival de Cine de San Sebastián e o concurso de Terras Gauda. O xurado do certame estivo coordinado por Rodrigo Coucheiro, o gañador do concurso no ano 2019, quen elixiu o cartel presentado por Daniel Camino Barral.

Presentación do cartel
O deseño que anunciará a Feira do Viño de Amandi será presentado oficialmente xunto aos restos arqueolóxicos do hórreo romano de Proendos o sábado 4 de marzo as 12:00 de mediodía, data na que se dará a coñecer a programación do mes do Amandi e o programa de actividades da XLIII Feira do viño de Amandi. Este ano por vez primeira a feira dará comezo na xornada do venres 31 de marzo pola tarde.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.