“D-Gusta Porriño” regresa con 37 propostas

Presentada a nova edición da ruta de petiscos e tapas

O Porriño | Organizada pola Asociación de Hostaleiros do Porriño (Ahospor) en colaboración co Concello “D-Gusta Porriño” suma nesta segunda edición 37 locais participantes, que ofrecerán as súas creacións culinarias ao prezo simbólico de 1 euro os venres e sábados do mes de novembro de 19 a 23 h.

O presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, lembrou que ademais de poder degustar as delicias que propón a hostalería local “todas as persoas que pidan a súa tapa poderán participar no sorteo dun bono de 500 euros e dez de 50 euros para gastar nos bares, restaurantes e comercios do Porriño”. Para iso, como cada ano, deberán completar os catro selos que poden obter consumindo os petiscos dos establecementos incluídos na ruta.

“No Porriño xa é imposible pensar no mes de novembro sen os pinchos dos hostaleiros e as quedadas con amigos para facer a ruta. Cada vez máis xente ven disfrutar dos eventos que se celebran na nosa vila e o D-Gusta Porriño é, sen dúbida, un dos que mellor acollida ten. Porque é máis que unha degustación gastronómica, é tamén a oportunidade de disfrutar xuntos á vez que contribuímos a revitalizar a nosa vila e a nosa economía”, apuntou o alcalde Alejandro Lorenzo.

O rexedor aproveitou para agradecer públicamente á hostalería local “o seu dinamismo, a súa iniciativa e a súa man tendida sempre para participar das actividades que se propoñen dende o Concello. Sempre dispostos a sumar para facer pobo”.