Cristina Fernández Davila, nova alcaldesa de Ponteareas

No seu discurso destacou o legado do seu antecesor, Xosé Represas

Ponteareas | Cristina Fernández Davila (BNG) é, dende este venres, a nova alcaldesa de Ponteareas, tras obter a maioría absoluta dos votos da Corporación ao sumar 9 do BNG e 3 do PSOE.

“Non existe unha honra maior que representar a todas as veciñas e veciños da nosa vila como alcaldesa de Ponteareas”, manifestou con emoción tras a súa proclamación. Fernández Davila viña asumindo a alcaldía en funcións dende o pasado mes de decembro, suplindo ao xa ex alcalde Xosé Represas.

A alcaldesa nacionalista tivo palabras de agradecemento para el, asegurando que “é un orgullo para min poder recoller o testemuño que me transmite Xosé Represas, que sigue a ser o meu alcalde”.

“É un orgullo para min poder recoller o testemuño que me transmite Xosé Represas, que sigue a ser o meu alcalde”

“Deixa un gran legado co que traballar en equipo co obxectivo de poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde: unha cidade moderna, amable, creativa, dinámica; referente cultural e educativa; un espazo natural que será reclamo dun turismo selectivo e esixente, poñendo en valor o patrimonio inmaterial do Corpus e o noso río Tea como sinais de identidade” sinalou Davila, incidindo que o de Represas é “un legado cheo de proxectos, uns xa realizados, outros que se están a desenvolver e numerosas ideas, grandes coma el. Desenvolver e levar a termo ese deseño de cidade será o meu obxectivo nestes vindeiros anos”.

A alcaldesa de Ponteareas concluíu as lembranzas cun agradecemento para o seu antecesor. “Foi para min un privilexio traballar man a man baixo a dirección de Pepe Represas; deséxolle todo o mellor e agradezo a súa xenerosidade e confianza depositada en min durante estes mandatos”, destacou.

“A situación sanitaria e económica derivada da pandemia da COVID-19 tamén estiveron presentes no discurso de Cristina Fdez. Davila”

A situación sanitaria e económica derivada da pandemia da COVID-19 tamén estiveron presentes no discurso de Cristina Fdez. Davila, que se comprometeu a “seguir políticas que teñan como obxectivo transversal reactivar a actividade económica e o emprego, recuperando a ilusión das e dos ponteareáns”.

A alcaldesa agradeceu tamén o apoio das súas compañeiras e compañeiros do BNG e do PSOE. “Será un privilexio traballar co equipo que conformaremos o goberno e dispoñer da súa total confianza, formando así un grupo de doce persoas cohesionadas e que fan cesións para chegar a entendementos que supoñen sempre melloras para a nosa vila e as persoas que nela habitan”, dixo.

“Hoxe inicio esta nova etapa con moita ilusión, para poñerme ao servizo das persoas de Ponteareas, do centro urbano e das parroquias, convencida de que xuntas podemos saír desta difícil situación, construíndo unidas unha vila da que podemos sentirnos orgullosas”, concluíu Fernández Davila.

Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo.

“No pleno celebrado no serán deste venres, tamén tomaron posesión como edís do BNG Lola Covelo e Pancho Alonso, que regresa á Corporación da que xa formara parte entre o 2015 e o 2019 como concelleiro de Facenda”

No pleno celebrado no serán deste venres, tamén tomaron posesión como edís do BNG Lola Covelo e Pancho Alonso, que regresa á Corporación da que xa formara parte entre o 2015 e o 2019 como concelleiro de Facenda.

Outros artigos