Correlingua festexará a del Riego na súa natal Lourenzá

Con concertos escolares o día 12 de maio

Lourenzá | A festa da lingua terá este ano unha parada especial en Lourenzá. O Correlingua renderá homenaxe a Francisco Fernández del Riego no súa localidade de orixe, grazas ao acordo entre as organizacións impulsoras de Correlingua e o Concello de Lourenzá.

O Correlingua volve ás rúas este ano e animará unha ducia de cidades e vilas no vindeiro mes de maio, recuperando o seu formato clásico de carreiras e concertos para escolares. Correlingua está organizado por CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG.

Lourenzá terá en 2023 un protagonismo singular na celebración do Correlingua ao coincidir a cebración da festa da lingua para a rapazada e a celebración do Día das Letras Galegas que homenaxea a Francisco Fernández del Riego, quen naceu nesta localidade. Na reunión para preparar a celebración do Correlingua en Lourenzá participaron a alcaldesa do concello, Rocío López García; Manuel Arango Ron, Concelleiro de Educación, Cultura, Normalización e Festexos; e a coordinadora de Correlingua na Mariña, Paula Ferreiro Pena.

Na reunión salientouse a importancia de combinar dúas celebracións en Lourenzá, Correlingua e o Día das Letras Galegas e tamén a participación e implicación nestas actividades da Mesa Coordinadora D. Paco e do colexio de Lourenzá, o CEIP Juan Rey. O vindeiro 12 de maio, Correlingua levará a Lourenzá a festa para que os alumnado participe na carreira andaina e para asistir a un concerto dos grupos seleccionados no concurso Cantalingua.