Conexión viaria entre As Laxas e Vilar en Arbo

A actuación, valorada en 90.000€, foi produto da colaboración entre o Concello e a empresa Montouto 2000

Arbo | O Concello de Arbo informa da finalización dos traballos de acondicionamento integral do vial que conecta os núcleos de As Laxas e Vilar. Esta importante intervención permite renovar unha vía de titularidade municipal que, debido ao paso do tempo e ao uso continuado, presentaba un estado de deterioro que requiría actuación inmediata para garantir a seguridade viaria.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, amosouse moi satisfeito polo remate destas obras: “Para este Concello, a seguridade e o benestar dos nosos veciños e veciñas son o primeiro. Con esta actuación no vial de As Laxas a Vilar, non só eliminamos puntos conflitivos para o tráfico, senón que garantimos unha comunicación máis fluída e segura entre os nosos núcleos de poboación”.

Os traballos, executados en virtude dun convenio de colaboración coa empresa Montouto 2000, contaron cun orzamento de 90.280,50 euros. Un aspecto destacado desta actuación é que a súa execución non supuxo custo algún para as arcas municipais, sendo a empresa quen asumiu o investimento. A intervención consistiu na limpeza e preparación do firme actual, a regularización de superficies, o estendido dunha nova capa de rodadura, así como a mellora da drenaxe e da sinalización, garantindo así a seguridade integral do treito para vehículos e peóns.

O rexedor quixo poñer en valor a xestión levada a cabo e a implicación do tecido empresarial no municipio: “Quero agradecer a Montouto 2000 a súa vontade de colaborar co Concello executando estas obras pola súa exclusiva conta. Finalmente, Horacio Gil subliñou “O noso goberno cumpre coas demandas dos veciños e veciñas de Arbo. Seguimos buscando todas as fórmulas posibles para mellorar a calidade de vida no noso municipio, optimizando recursos e garantindo uns servizos dignos para todos. O noso compromiso é seguir traballando a pé de rúa, escoitando as necesidades de cada zona para construír un Arbo máis seguro e conectado”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.