Concello do Rosal recupera a Fonte de Martín

Un patrimonio histórico rosalino que data de 1917

O Rosal | O Concello do Rosal continúa coa recuperación de elementos patrimoniais históricos espallados por toda a localidade. Os operarios municipais acaban de rematar os traballos de recuperación da Fonte de Martín, unha instalación data de 1917 situada no Camiño do Souto, no antigo camiño de acceso aos Muíños do Folón.

A fonte permanecía oculta á vista debido á gran cantidade de maleza que a recubría. Os operarios municipais levaron a cabo nos últimos días os traballos de eliminación de toda a herba e plantas que a recubrían, así como a limpeza da propia fonte e dos tanques de auga.
Xunto con estas tarefas tamén restaurou o firme da fonte, garantindo a seguridade de todas as persoas que se acheguen ata ela, e recuperouse un banco que estaba derruído e que permitirá á veciñanza desfrutar deste espazo.

Todas estas tarefas enmárcanse no plan posto en marcha polo goberno municipal para poñer en valor aquelas construcións singulares coas que conta O Rosal, como fontes e lavadoiros, e que xa comezaran coa recuperación da fonte de Marzán, un lavadoiro histórico situado na zona coñecida como o Campo da Fonte e datado do ano 1891.

Outros artigos