Concello do Porriño renovará a Praza do Sol como espazo “máis amable e inclusivo”

O goberno municipal proxecta melloras de impermeabilización e de renovación

O Porriño | O Concello do Porriño proxecta a mellora da impermeabilización e renovación desta praza pública para resolver os problemas de filtracións e acondicionar totalmente este concorrido espazo, cun novo deseño actualizado que se axusta ás necesidades actuais

A mellora da calidade dos espazos públicos vai estendéndose no Porriño. Con varios proxectos de humanización en execución no centro urbano, como o do parque do Campo da Feira ou as rúas Buenos Aires e Progreso, o Concello do Porriño anunciou hoxe a mellora da impermeabilización e renovación da praza pública interior da urbanización Sol.

“Falamos dunha actuación moi necesaria e urxente coa que queremos emendar os problemas de impermeabilización desta praza que están a causar importantes filtracións aos garaxes inferiores”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor engadiu que ademais “acondicionarase totalmente este concorrido espazo cun novo deseño actualizado que se axuste ás necesidades que presenta, incluíndo zonas axardinadas e arboradas, mellorando as zonas de xogo infantil e renovando toda a iluminación, pavimento e mobiliario urbano. En definitiva facer desta praza un espazo máis amable e inclusivo”.

E é que estamos ante un dos parques máis concorridos do municipio ao situarse nunha das zonas máis habitadas do centro urbano. A praza, cunha superficie de máis de 3.700 m2, conecta as rúas Antonio Palacios e Pinar, polo que son moitos os peóns que atravesan a praza diariamente.

As zonas de parque infantil foron reparadas recentemente e na actualidade contan con céspede artificial e xogos infantís en perfecto estado polo que o seu uso tense incrementado.

“Ao tratarse dun espazo amplo e ben situado cada día fan uso del moitos cidadáns, que gozan dos parques infantís e as terrazas dos locais de hostalería”, explicou o rexedor, “Queremos potenciar as características desta praza para mellorala e facela máis accesible”.

Un espazo máis aberto
Eliminaranse os parterres vexetais, que non contribúen a biodiversidade e están a delimitar excesivamente o espazo e dificulta a circulación dos usuarios. Así xerarase un espazo máis aberto con maiores posibilidades de uso.

Ademais xeraranse dúas zonas cubertas que permitan distribuír as terrazas de hostalería e tamén cubrirán parcialmente as zonas de xogo infantil, protexéndoas do sol e das primeiras choivas.

Renovarase o pavimento, dispoñendo sistemas de impermeabilización, e tamén o sistema de iluminación.