Concello do Porriño e centros educativos coordinan actividades

Para o último semestre do curso escolar

O Porriño | Os directores dos centros educativos do Porriño reuníronse onte coa concelleira de Educación, Carolina González, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e persoal da OMIX para presentarse e establecer a folla de ruta das actividades para o alumnado a realizar neste último semestre do curso escolar.

Na xuntanza, os representantes do novo executivo local, ademais de presentarse formalmente aos equipos directivos, informáronos dos concelleiros que formarán parte dos consellos escolares.

“Dende este órgano de goberno dos centros poderase formar parte da comunidade escolar e estar informados da situación e necesidades de cada un deles”, explicou a edil, Carolina González. Tamén se lles realizou unha oferta de actividades dirixidas aos nenos e nenas en idade escolar e invitouselles a colaborar nas actividades que se organicen dende o Concello, a primera delas, o concurso de deseño do cartel de Entroido para este ano.

Pola súa banda, o rexedor amosou a súa “máxima colaboración e implicación cos centros educativos do Porriño”. O rexedor continúa esta semana coa súa visita aos centros porriñeses para coñecer de primeira man as súas necesidades.