Concello de Sober xa ten a Q de calidade turística

Tamén recibiu o galardón a adega Regina Viarum
A entrega do distintivo levouse a cabo durante un acto ao que asistiron representantes da Xunta e do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Sober | Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober (Lugo) recolleu en Vigo o selo Q de calidade turística que lle foi outorgado o ano pasado a este concello pola súa rede de miradoiros.

A entrega do distintivo levouse a cabo durante un acto ao que asistiron representantes da Xunta e do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que concede estes selos de calidade.

Tamén recibiron o selo todas as demais institucións e empresas galegas ás que lles foi concedido no 2020, entre as que está a adega de Doade (Sober) Regina Viarum. O Concello de Sober obtivo este distintivo en decembro do 2020 polo seu conxunto de miradoiros públicos —unha decena en total—, que foron reformados ou construídos durante os últimos anos.

O selo foille concedido dentro da categoría de espazo público singular, coa que ata entón só foran distinguidos catro lugares, todos eles situados igualmente en Galicia. Tras conseguir este selo, o Concello puxo en marcha en marzo unha campaña de promoción da súa rede de miradoiros baixo o lema “Sober é Qalidade”.

A iniciativa comprende publicacións en redes sociais e a organización de diversas actividades. Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, destacou a aposta dl Goberno galego polo turismo de calidade e o traballo levado a cabo durante a pandemia para apoiar ao sector e reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible.

Así o indicou no acto de recoñecemento das Q de Calidade Turística 2020 de Turismo de Galicia, ao que tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.