Concello de Sober convoca o concurso de deseño gráfico da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi

A feira celebrarase inicialmente o 27 e 28 de Marzo

Sober | O Goberno local do Concello de Sober convoca o seu tradicional concurso de deseño gráfico coa fin de elixir o cartel anunciador da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi, que inicialmente debe celebrarse o 27 e 28 de Marzo coincidindo co domingo de Ramos. A data definitiva dependerá da evolución da pandemia e será consensuada cos adegueiros que participen.

O certame rexerase por estas bases que o Goberno local vén de facer públicas a través da súa web e das redes sociais.

Poderá concorrer toda a poboación, con traballos en formato A3 e técnica libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Só se pode presentar un cartel por autor ou autora.

Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores.
Temática.

“Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura”

Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura.

Os traballos presentados quedarán en poder do Concello de Sober. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.

O cartel gañador será propiedade do Concello de Sober, quen poderá cedelo a terceiros. O autor ou autora renuncia a todos os dereitos de explotación, só conservarán os dereitos de autor para incluílo no seu currículo.

Cómo participar
Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto. O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes datos: XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 27 e 28 de marzo.

A entrega de orixinais farase na Casa do Concello dende o 8 de xaneiro ata o día 15 de febreiro de 2021. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.

Xurado e premio
O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer o 27 de febreiro. O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. Establécese un premio ao traballo gañador de 600 euros en metálico e unha peza de Gundivós personalizada.

Os participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá sobre calquera dúbida non prevista nas presentes bases. No caso de facerse unha entrega pública ao gañador ou gañadora este comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto.

O gañador entregará unha copia do cartel en formato dixital que permita o seu proceso informático e inserirá os logotipos das entidades patrocinadoras facilitadas polo Concello de Sober para a súa publicación, así como os logos das redes socias institucionais. O simple feito de presentación ao concurso supón a aceptación plena destas bases.