Concello de Ponteareas, satisfeito coa adxudicación da xestión da Estación de Autobuses

Confía en asinar o convenio coa Xunta de Galicia

Ponteareas | O Concello de Ponteareas amosou a súa satisfacción ante a adxudicación por parte da Xunta de Galicia da xestión da Estación de Autobuses. Nos anteriores intentos de adxudicación feitos nos últimos dez anos a Xunta non conseguira ningunha empresa interesada en asumir a xestión, o que provocou que o Concello, sen ser a súa obriga, continuara dende 2011 atendendo ese servizo de competencia autonómica.

“Para o Concello é unha excelente nova”, sinalou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “pois a estación é deficitaria e ao concello ocasionoulle en 10 anos unhas perdas de máis de 130.000 euros”.

O goberno local do BNG-PSOE confía en que “solucionada a xestión da Estación, poidamos asinar axiña o convenio negociado coa Xunta para remodelar o edificio. Temos un preacordo polo cal o Concello contribuirá a esa reforma con 370.000 euros, dos que 130.000 se descontarán das perdas que asumimos”.

Segundo explica Mera, o convenio só está pendente de acordar a forma de pago dos 240.000 euros restantes, que o Concello pretende facer en 20 anualidades xa que, a cambio desta achega, a Xunta cederá tamén por 20 anos a planta alta do edificio de máis de 300 m2, con 11 oficinas e unha sala de xuntas. Mera salientou “a capacidade de diálogo e negociación do goberno que preside Cristina Fernández. Logramos con outra administración un principio de acordo que será moi positivo para Ponteareas e cuxos resultados agardamos se poidan ver de inmediato coa mellora do servizo de Estación e con novas instalacións de calidade no mesmo edificio destinadas a outros servizos municipais”.