Concello de Ponteareas obriga a Cide CHCEnergia ao restablecemento do servizo de luz

Que foi cortado de forma irregular este 7 de xuño causando dificultades nos servizos municipais

Ponteareas | Tras os trámites realizados ao longo de hoxe polo Concello de Ponteareas, a Consellería de Economía, Industria e Innovación emitirá unha resolución para o restablecemento inmediato do servizo de luz cortado de forma inxustificada po parte da eléctrica Cide CHCEnergía e que afecta aos edificios municipais do Centro Social, da Biblioteca, do Centro de Dinamización Empresarial e do Centro Cultural de Cristiñade.

O Concello denuncia que a compañía reclama facturas do ano 2022 que non constan pendentes de pago na contabilidade municipal, foron mal emitidas por parte da empresa ou que foron presentadas recentemente, como a que corresponde ao gasto do mes de maio.
Durante o ano 2022, a compañía eléctrica estivo sete meses sen emitir ningunha factura ao Concello, dende marzo ata outubro.

A partir do mes de outubro, as facturas comezaron a ser emitidas “en avalancha, duplicadas e, en moitos casos, sen conter a información necesaria para autorizar o seu pagamento”. Esta situación continuou durante o ano 2023, no que se seguen recibindo facturas do ano pasado, para o que incluso tivo que aprobarse en pleno un recoñecemento extraxudicial de 200.000 euros para poder incluílas no orzamento actual.

O Concello amósase sorprendido polas medidas tomadas pola empresa de forma irregular, especialmente tendo en conta que ten previsto recibir este venres 9 un pago por importe de 100.000 euros.

Asegura ademais que este corte de luz está a causar trastornos á veciñanza e que se están estudando medidas legais para interpor unha querela criminal contra os responsábeis de execución do corte por verse afectados servizos esenciais á veciñanza.

Nova convocatoria de axudas para libros de texto e material escolar
O Concello de Ponteareas ven de abrir o prazo para solicitar as axudas municipais de apoio ao estudo, subvencións destinadas ao alumnado matriculado o vindeiro curso 2023/2024 en 4º, 5º ou 6º de educación infantil, FP Básica, ciclos formativos ou bacharelato nos centros de ensino da vila.

Como sinala a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández, estas axudas “son imprescindíbeis para camiñar de xeito firme cara a igualdade de oportunidades, para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, porque este tipo de gastos escolares supoñen un esforzo cada vez maior para as familias cada inicio de curso”.

O Concello destinará 15.000 euros a esta nova convocatoria, coa que se contribuirá á adquisición de libros de texto e material escolar daquelas familias ponteareás con ingresos máis limitados que non dispoñan de ningunha outra axuda para esta mesma finalidade. As axudas terán unha contía máxima de 100 euros por menor. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude dende este xoves 8 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de forma presencial ou a través da Sede Electrónica. As bases xa están dispoñíbeis para a súa consulta na web municipal, así como os formularios precisos para a presentación de solicitudes. O prazo de presentación remata o vindeiro 22 de agosto.