Concello de Ponteareas mantén a solidariedade co Pobo Saharauí

A través do programa ‘Vacacións en paz’ organizado por SOGAPS e cun convenio de colaboración de 6.000€

Ponteareas | O Concello de Ponteareas mantén o seu firme apoio ao pobo saharaui. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, asinou coa presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, un novo convenio de colaboración que permitirá seguir desenvolvendo o programa ‘Vacacións en paz’ na vila.

Trátase dun convenio por un importe total de 6.000 euros que cada ano a asociación emprega para subvencionar os billetes de avión das persoas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tindouf que cada verán pasan mes e medio en Ponteareas.

Neste ano, 4 menores e 3 adultos procedentes do Sáhara recibiron asistencia médica e gozaron dunha estadía na vila, grazas á xenerosidade das familias ponteareás e á asociación. Ademais, este convenio permitirá a SOGAPS adquirir e enviar alimentos ao Sáhara.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, sinalou durante a sinatura do convenio a importancia que ten este programa que “ademais de favorecer a convivencia e integración entre os pobos galego e saharaui, serve para que estes nenos e nenas poidan recibir asistencia sanitaria e desfruten dun verán de tempo libre e lecer lonxe das altas temperaturas que acadan os campamentos durante esa época do ano”.